Inicio Galicia As obras de mellora do firme da estrada LU-212 ao seu paso...

As obras de mellora do firme da estrada LU-212 ao seu paso por Taboada e Monterroso estarán rematadas a finais de mes

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo estivo hoxe en Monterroso para comprobar o avance na execución dos traballos, que supoñen un investimento de 300.000 euros para renovar 11 quilómetros de calzada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé rematar a finais deste mes as obras de mellora do firme da estrada autonómica LU-212 ao seu paso polos concellos de Taboada e Monterroso.

Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen estivo esta mañá en Monterroso para comprobar o estado de execución dos traballos e explicou que avanzan a bo ritmo, polo que o departamento de Infraestruturas agarda que nas vindeiras semanas poidan estar completados.

As obras supoñen un investimento de 300.000 euros e son executadas pola empresa Ovisa. O treito da actuación abrangue 11 quilómetros -en concreto, dende o quilómetro 0 ao 10,800- o que inclúe ambos termos municipais.

A actuación consiste na rehabilitación do firme naquelas zonas nas que se ten producido deterioro estrutural, mediante o fresado e posterior reposición con nova mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.

Complementariamente, tamén está prevista a reposición da sinalización horizontal afectada, mediante o repintado de marcas viarias. Asimesmo será instalado un novo aforo permanente de espiras -que mide a intensidade e características do tráfico- emprazado nos espazos obxecto de mellora.

Balseiro salientou que o Goberno galego impulsa obras de rehabilitación das estradas autonómicas lucenses, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e a garantir o confort na circulación para os usuarios das vías, así como poñer ao servizo da veciñanza dos municipios beneficiarios unhas vías de comunicación en bo estado. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre