Inicio Galicia Lugo A Consellería de Cultura e Educación inviste máis de 103.000 euros en...

A Consellería de Cultura e Educación inviste máis de 103.000 euros en obras de mellora en tres centros educativos da Ulloa

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que están en fase de contratación varias reformas no IES de Monterroso e van comezar os traballos para instalar un porche cuberto no IES do Camiño, en Palas de Rei

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolveu nos últimos meses proxectos de mellora que suman un investimento de 103.500 euros en tres centros da comarca da Ulloa: O Instituto de Educación Secundaria (IES) de Monterroso, o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Palas de Rei, e o IES do Camiño, tamén neste municipio. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a súa visita ao IES de Monterroso, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Miguel Rico Gómez, a xefa territorial da consellería de Cultura e Educación, Mariña Gueimunde, e a directora do centro, María del Carmen Sarmiento, entre outros.

Neste instituto está actualmente en trámites a contratación das obras de reforma da antiga vivenda do conserxe para ampliación dos espazos de almacenaxe do material de Educación Física e arranxos na pista deportiva, que contan cun orzamento de 15.000 euros.

Igualmente, estanse tramitando dúas actuacións que se executarán no verán, cun orzamento conxunto de preto de 25.000 euros e que afectarán ás cubertas. No mesmo centro rematáronse hai uns meses dous anexos á pista cuberta existente, cun investimento de 30.259 euros.

No IES do Camiño vaise executar a cimentación para a instalación dun porche cuberto nun lateral do patio do centro, actuación que conta cun orzamento de 17.800 euros.

Polo que respecta ao colexio de Palas de Rei, executáronse recentemente unha soleira de formigón na entrada, cun investimento de 10.000 euros, e reformas no falso teito do comedor por 5.700 euros. Neste caso, aproveitáronse as vacacións escolares do Nadal para non alterar o normal desenvolvemento das clases.

O delegado territorial subliñou que a Consellería de Cultura e Educación realiza “un esforzo constante no mantemento e mellora das instalacións educativas, para que a actividade lectiva nos centros públicos se desenvolva nun entorno confortable e axeitado”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre