Inicio Galicia Medio Ambiente busca mellorar o comportamento ambiental dos galegos convertendo os seus...

Medio Ambiente busca mellorar o comportamento ambiental dos galegos convertendo os seus xestos e esforzos en hábitos e costumes sustentables

0

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá a campaña ‘Verdear é a actitude’, para que a poboación e os axentes económicos introduzan nas súas actividades habituais boas prácticas ambientais, co fin de mitigar os efectos do cambio climático

Empregar bolsas de tea reutilizables para levar o bocadillo ao colexio, dar preferencia a provedores próximos para reducir a pegada de carbono do transporte, planificar eventos aos que se poida acceder a pe, bicicleta ou en transporte público ou estudar os residuos que se xeran nun evento deportivo para instalar os puntos de recollida necesarios e precisos son algunhas das claves que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende instaurar como hábitos e costumes no conxunto da sociedade galega.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou esta mañá a campaña Verdear é a actitude, coa que se pretende mellorar o comportamento ambiental dos galegos e converter os seus xestos e esforzos en hábitos e costumes sustentables que -a súa vez- sexan unha resposta á mitigación dos efectos do cambio climático. Esta campaña centrarase en catro ámbitos, como os eventos sustentables, o comercio, os encontros e eventos deportivos e a comunidade educativa.

Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente quen engadiu que é necesario que a poboación e os axentes económicos introduzan nas súas actividades habituais boas practicas ambientais; polo que se decidiu abordar as tarefas de sensibilización por sectores de poboación e por sectores económicos, xa que é “tan importante a mensaxe a transmitir como a forma de transmisión”.

Nese sentido creouse a marca Verdear, para facilitar a difusión de accións de concienciación medioambiental co mesmo fin e cuxa metodoloxía de traballo se centrará en elaborar Manuais de boas prácticas ambientais para cada un dos sectores, contactar cos principais axentes para difundir a mensaxe e dar apoio na posta en marcha de accións encamiñadas a implantar boas prácticas ambientais no sector.

Eventos sustentablesPara introducir a variable da sustentabilidade nos distintos eventos (festexos e actuacións) que se celebran ao longo da xeografía galega, a Consellería de Medio Ambiente apostou por redactar unha Guía de Eventos Sustentables. O obxectivo é integrar esta filosofía na planificación e organización deste tipo de eventos de gran proxección en Galicia, cos que se implantarán hábitos de produción e consumo responsables, tanto das empresas implicadas como de patrocinadores, voluntarios e público.

Con este tipo de accións minimízanse os impactos sobre a xestión dos residuos. Dado que se tratan de eventos que xeran grandes cantidades de residuos (plásticos, vidro, papel, materia orgánica, aceites…) inclúense medidas destinadas a fomentar a prevención, reutilización e separación; o aforro dos recursos, con medidas como o aproveitamento das horas de luz e os espazos abertos; o acceso a pe, en bicicleta ou o coche compartido, para reducir as emisións de CO2; así como apostar por alimentos de produción local.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que xa se puxeron en marcha iniciativas que funcionan como referente e que deixan ver o éxito desta acción, como é a campaña Separar con xeito; que comezou en Xantares de Ourense e que consiste na colocación de contedores a modo de illas onde os cidadáns poden depositar os envases lixeiros e que son recollidos polos servizos municipais unha vez rematado o evento.

Unha filosofía moi similar tamén se implantará na organización dos eventos deportivos, un sector transversal con capacidade para propiciar boas prácticas de sustentabilidade e para aumentar a sensibilidade e conciencia ambiental en todos os sectores sociais.

O obxectivo é mellorar a utilización de recursos e a prevención da xeración de residuos, emisións e ruído nos eventos deportivos celebrados en Galicia, permitindo minimizar no posible o impacto ambiental das instalacións e as actividades desenvolvidas nelas.

O Manual de boas prácticas ambientais, que neste caso concreto, estará dirixido tanto aos organizadores de eventos como aos participantes, proporá medidas para a reducir a xeración de residuos, minimizando o uso de materiais desbotables e fomentando a reutilización dos produtos, citou como exemplos Beatriz Mato.

Escola VerdeA conselleira de Medio Ambiente destacou que os cativos son o futuro, pero hoxe xa debemos implicalos neste reto; polo que Escola verde busca crear un proxecto para mellorar a educación ambiental de toda a comunidade educativa e minimizar o impacto ambiental das instalacións dos centros educativos e das actividades desenvolvidas neles.

Trátase de conseguir un cambio de comportamento dos escolares e dos profesores, con xestos tan doados como empregar unha bolsa de tea reutilizable para levar o bocadillo ao centro escolar, usar unha cantimplora ou botella reutilizable para levar zume ou batido ao recreo, evitar a mestura de residuos, pechar as fiestras cando a calefacción se atope acendida ou apagar as luces cando unha aula se atope baleira. Os reportes destes hábitos tradúcense en reducir o consumo de papel, a xeración de residuos e a enerxía en climatización das instalacións.

Pequeno comercio e empresarios galegos en verdeBeatriz Mato explicou que a mellora do comportamento ambiental do comercio implicará modificar a súa sistemática de traballo; polo que tamén contarán cun apartado dentro do Manual de boas prácticas, no que se lle trasladarán aos pequenos comercios locais e os empresarios que poden facer para contribuír ao desenvolvemento sostible e frear o cambio climático.

Explicou que se deben afianzar xestos e prácticas que na actualidade empezan a realizarse, como cambiar as bolsas de plástico por outras solucións máis sustentables, reducir a cantidade de embalaxes, e dar preferencia a provedores próximos para reducir a pegada do carbono do transporte.

Para saber o punto no que se atopa o comercio elaboraranse catro auditorías de situación para ter un diagnóstico do sector en relación coas prácticas definidas no Manual e -a partir do resultados do mesmo- proporanse plans de acción realizables.

Recordou que o sector é un aliado no reto común de avanzar na cultura da sustentabilidade, tal e como demostra coa súa colaboración en iniciativas como o Proxecto Horeca, destinado a locais de hostalería, restauración e cáterin; nos que xa hai máis de 950 locais adheridos que desenvolven accións para fomentar a recollida de envases e diminuír a porcentaxe de impropios.


- Te recomendamos -