Inicio Galicia Sanidade restablece a vacinación fronte á hepatite A en adultos que pertenzan...

Sanidade restablece a vacinación fronte á hepatite A en adultos que pertenzan aos grupos de risco

0

O próximo día 2 de maio a Consellería de Sanidade restablecerá a subministración destas vacinas que sufriran problemas de abastecemento en toda España

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade dispón novamente de doses suficientes para que a partir do día 2 de maio se restableza a vacinación fronte á hepatite A do xeito habitual, unha vez solucionado, por parte das compañías farmacéuticas, o problema do desabastecemento.

Con respecto á situación epidemiolóxica en Galicia, mantense o aumento na incidencia desta infección desde o ano 2016, afectando fundamentalmente a persoas de entre 20 e 44 anos, principalmente homes que teñen sexo con homes (HSH). Neste ano o abrocho, aínda que cunha baixada da incidencia, continúa activo. Compre lembrar que a medida fundamental de control deste abrocho é a vacinación.

Todas as vacinas deberán administrarse segundo as indicacións do Programa galego de vacinación e deben ser rexistradas.

Grupos de riscoSó se inmunizará as persoas pertencentes aos grupos de risco: todos aqueles que teñan contacto estreito con persoas con hepatite A (a vacina é efectiva como medida postexposición, administrándoa na primeira semana tras a exposición); persoas con hepatopatía crónica; persoas que recibiron ou están esperando un transplante hepático; persoas con condutas sexuais de maior risco (HSH con múltiples parellas e profesionais do sexo); persoas que se inxectan drogas; persoas con risco ocupacional; e viaxeiros non inmunes que se desprazan a zonas de alta ou moderada endemicidade de hepatite A (para que a vacina sexa efectiva débese administrar polo menos dúas semanas antes da viaxe).

Leer más:  La pensión media en Galicia aumenta un 5,15% en abril, llegando a los 1.072 euros, aunque es 180 euros menor que la media nacional

Dado que a da hepatite A non é unha vacinación rutineira no adulto, as doses vacinais, que estarán a disposición dos centros, serán utilizadas nas persoas que pertenzan aos grupos de risco establecidos. Tamén se lles administrará a segunda dose da vacina a aquelas persoas que só teñen a primeira, recuperándose a todas aquelas persoas que no momento das restricións non se lle puxo a dose de recordo e administrarase se xa transcorreron 6 meses desde a primeira dose.

Hepatite A A hepatite A é unha enfermidade infecciosa aguda producida polo virus da hepatite A (VHA). As manifestacións da enfermidade abranguen dende un período de síntomas inespecíficos, como falta de apetito, náuseas e malestar xeral, ata a ictericia (cor amarela na pel e mucosas) e signos de lesión hepática, con hepatite fulminante en menos do 0,5% dos casos.

A enfermidade, que ten un período de incubación (tempo transcorrido entre o contacto co virus e o inicio dos síntomas) de entre 15 e 50 días, coa media en 28-30 días, adoita ser moi leve en nenos e máis grave nos adultos, nos que non é rara a hospitalización. O modo máis común de transmisión do VHA é persoa a persoa, por vía fecal-oral, e os abrochos adoitan relacionarse co consumo de auga contaminada, de alimentos contaminados polos manipuladores infectados, incluídos os alimentos que se comen crus ou que foron manipulados despois da súa cocción; de moluscos crus ou mal cociñados collidos en augas contaminadas e de vexetais, como leitugas e froitas contaminadas.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

Neste momento, dadas as melloras nas condicións hixiénicas da sociedade, o mecanismo máis común de transmisión en Galicia e España adoita ser polas relacións sexuais oroanais ou oroxenitais.


- Te recomendamos -