Inicio Galicia O obradoiro de emprego impulsado pola Xunta en Carballedo e Chantada reformou...

O obradoiro de emprego impulsado pola Xunta en Carballedo e Chantada reformou o antigo centro de saúde da Barrela e acondicionou varios espazos públicos

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 280.000 euros neste proxecto

O obradoiro de emprego que comparten os concellos de Carballedo e Chantada executou obras no antigo centro de saúde e no entorno do campo de fútbol da Barrela (en Carballedo) así como no mercado gandeiro e outros espazos públicos no municipio chantadino. Este proxecto foi financiado con 280.000 euros pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe a dobre virtude deste tipo de iniciativas, que son “un instrumento para mellorar a capacitación dos traballadores desempregados e tamén unha axuda para as facendas locais porque realizan obras e servizos de interese para o municipio”.

Balseiro visitou xunto co alcalde de Carballedo, Julio Yebra Pimentel, a primeira fase das obras que converterán o local do antigo centro de saúde da Barrela nunha casa da cultura, executadas polo obradoiro ao igual que os traballos no peche e na beirarrúa perimetral do campo de fútbol da localidade.

Leer más:  La Xunta financiará cinco nuevas plazas públicas en la vivienda tutelada de Cogami en Mos (Pontevedra)

O delegado subliñou que este proxecto ofreceu formación teórica e práctica e experiencia laboral a 20 persoas sen emprego, que recibirán un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer en calquera punto do Estado. A aprendizaxe comezou o pasado mes de setembro e rematará esta semana.

En concreto, quince participantes formáronse en operacións de formigón e fábricas de albanelaría -oito alumnos en Carballedo e sete en Chantada-, e outros cinco -todos en Chantada- en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e viveiros, xardíns e centros de xardinaría.

Os alumnos desta última especialidade realizaron diversos traballos nas zonas verdes chantadinas, como o recinto das piscinas, o parque do campo de fútbol Sangoñedo e o paseo, o parque do antigo campo da feira, a avenida de Monforte, Praza de Galicia e o viveiro municipal. Tamén realizaron labores de conservación no monte de San Lucas e nos codos de Belesar, entre outros.

En marcha unha nova convocatoriaBalseiro explicou que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que os novos proxectos se poñan en marcha no mes de setembro. En concreto, a Consellería convocou as axudas para obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos.

Leer más:  Un centenar de colectivos de toda Galicia se manifiestan en Pontevedra contra la "depredación energética"

Poden ser promotores dos obradoiros as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións.

Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Outras novidades da última convocatoria consisten en que terán prioridade os obradoiros forestais e os vinculados ao Camiño de Santiago e que os obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade ampliarán a duración de seis a nove meses. 


- Te recomendamos -