Inicio Galicia Medio Ambiente subliña o traballo dos concellos a prol da integración e...

Medio Ambiente subliña o traballo dos concellos a prol da integración e posta en valor da paisaxe nos espazos urbanos

0

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, participou hoxe na entrega dos premios ‘Vilas en Flor’ aos municipios de Chantada, Allariz, Caldas, Betanzos e Ortigueira, escollidos polo seu deseño e integración paisaxísticas

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, participou esta tarde en Chantada na entrega dos premios Vilas en Flor, unha iniciativa coa que se recoñece e distingue a aqueles municipios que destacan pola súa aposta a favor da integración e o coidado da paisaxe na xestión dos seus respectivos espazos urbanos.

Na edición deste ano do certame, que por primeira vez recala en Galicia, os concellos galegos galardoados foron Chantada, Allariz, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira, aos que Inés Santé felicitou expresamente por asumir o reto de traballar pola mellora e a xestión sustentable dos espazos comúns nas súas respectivas vilas, e fomentar á vez a conciencia ambiental da veciñanza.

Concretamente, a directora do IET eloxiou o bo facer de Chantada no mantemento das súas zonas verdes, a aposta do Concello de Allariz pola mellora e o coidado da paisaxe ata convertelos nun reclamo turístico para atraer visitantes á vila e a tradición botánica de Caldas de Reis, un concello cun patrimonio neste eido de incalculable valor. Así mesmo, tamén se referiu ao impulso que lle deu Betanzos ás zonas axardinadas e á súa integración cromática no conxunto da vila e subliñou o esforzo de Ortigueira na busca de propostas novidosas para facer unha mellora integral do seu territorio.

Leer más:  Ingresado en planta con evolución favorable el hombre apuñalado en el Orzán, en A Coruña

Un certame con raíces europeasO certame Vilas en Flor é unha iniciativa coordinada e avalada pola Fundación Juana de Vega que ten a súa orixe en Europa e leva anos implantada en comunidades como Cataluña, Valencia, Aragón ou Canarias. Este ano, por primeira vez, súmase Galicia ao proxecto, cuxo obxectivo principal é contribuír a poñer en valor a importancia do patrimonio natural para un pobo e a necesidade de mellorar a súa integración nos municipios.

Neste sentido, Inés Santé aproveitou a súa intervención para lembrar que “a paisaxe é unha parte fundamental de Galicia e dos galegos porque nos fai únicos e nos distingue doutros pobos de España e de Europa”. Por este motivo, indicou que para a Xunta de Galicia e concretamente para a Consellería de Medio Ambiente, a paisaxe é unha “cuestión esencial” co fin de lograr a cohesión social.

Iniciativas como as que están a desenvolver os cinco concellos galardoados, segundo explicou a directora do IET, contribúen a consolidar o traballo desenvolvido desde o seu departamento para crear unha conciencia sobre a paisaxe e impulsar as políticas máis axeitadas para protexela a través de ferramentas como a Infraestrutura verde de Galicia.

Leer más:  Se aprueba la gratuidad de las primeras matrículas universitarias, la primera promesa electoral de Rueda durante su campaña

Así, explicou que este documento, en cuxo deseño xa está a traballar a Consellería de Medio Ambiente, permitirá planificar unha rede formada por espazos naturais, seminaturais e outros elementos ambientais para garantir os servizos e os bens necesarios para un desenvolvemento socioeconómico sustentable, e adiantou que o próximo ano tamén verán a luz os primeiros Pactos pola Paisaxe, outra nova ferramenta que blindará a conservación da riqueza paisaxística de Galicia.


- Te recomendamos -