Inicio Galicia Artesanía de Galicia regresa á London Design Fair para afianzar as súas...

Artesanía de Galicia regresa á London Design Fair para afianzar as súas canles de distribución internacional

0

Neste encontro de referencia do deseño e da decoración preséntase unha colección de pezas de preto de 40 profesionais do sector artesán galego


A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado británico durante a feira de decoración Tent London, que se enmarca na London Design Fair e se celebra ata o vindeiro domingo 23 de xaneiro. Con esta iniciativa, que se leva realizando desde o ano 2013, a Fundación Artesanía de Galicia busca afianzar as canles de distribución internacional coas que xa conta o produto artesanal galego, así como atopar outras novas.

Artesanía de Galicia achega unha proposta integral para os fogares contemporáneos, onde a artesanía tradicional comparte espazo e protagonismo con pezas artesás de deseño máis actual. Artesanía de Galicia exhibe en Londres pezas de preto de 40 profesionais do noso sector artesán, que representan disciplinas como a olería tradicional de Buño e Gundivós – dous dos catro centros oleiros tradicionais activos en Galicia – cerámica contemporánea, cestería tradicional, madeira torneada, as figuras tradicionais elaboradas con miga de pan típicas de San Andrés de Teixido, pezas de coiro, coitelos tradicionais forxados á man, téxtiles elaborados en teares manuais ou propostas de cestería con novos materiais como a lá ou o algodón, gravados e collages, culleres de vidro ou lámpadas elaboradas con cartón.

Leer más:  El Partido Popular de Galicia reivindica la labor de sus diputados y senadores como "contrapeso" a los "ataques" del Gobierno a Galicia

Tent London está considerada unha das feiras profesionais de decoración e de deseño de referencia. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego leva uns anos introducíndose. Desde o 2013, Artesanía de Galicia presenta en Londres una selección de pezas que representa o sector artesán galego e que está a permitir ir abrindo mercados en diferentes países europeos (Suecia, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Noruega, Francia ou China), así como comezar a distribuír pezas do sector artesán da Comunidade a través de dúas compañías en Xapón, unha en Australia e outra en Alemaña.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse a cerámica do obradoiro Witchneeds (Vigo) e os paxaros téxtiles de Logaro (Ourense); ademais das novidades que se presentaron na feira Formex, celebrada en Estocolmo no mes de xaneiro, que viaxan por vez primeira a Londres. Trátase das pezas cerámicas de Arobe Cerámica (A Coruña), Carlos San Claudio (Vigo), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Lanalutum (Lugo), Mar Barral (Catoira) e Supervillano (Sanxenxo); as esculturas robóticas de Factoría de Androides (Santiago de Compostela), as culleres de vidro de Polo Enríquez (A Coruña) e máis os gravados de Xabier de Sousa (Vigo).

Leer más:  En abril, las matriculaciones en Galicia aumentaron un 19% impulsadas por la demanda de coches eléctricos

A artesanía tradicional está representada en Londres polos cestos de madeira fendida de Antonio Suárez Dávila (Vigo), a olería de Buño que realiza Alfarería O Rulo (Malpica de Bergantiños), os coitelos de forxa elaborados polos obradoiros Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) e MAF Artesanía (Riotorto), a olería de Gundivós de Rectoral de Gundivós (Sober), as figuras de miga de pan de San Andrés de Teixido que realiza Jorge Bellón (Cedeira) ou o tecido manual en tear de baixo lizo dos obradoiros Artefíos (A Coruña) e Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas).

Os obradoiros especializados no traballo do coiro que participan de novo na London Design Fair son Coiraxe (Vigo), Corzo Artesanía (Arzúa) e Jatafarta (Santiago de Compotela). En canto á madeira, haberá pezas de Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta Madera (A Estrada), Cunqueiro (Palas de Reis) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela). Tamén participan no stand de Artesanía de Galicia os obradoiros de olería e cerámica Cerámica Unzueta (Brión), Comocuando (Vigo), Fernando Porto (A Estrada), Laura Delgado (Cambre), Mágicos Gagarín (Cea), Olería Pepe Otero (A Coruña), Regal Cerámica (Viveiro) e Víctor Ares (A Coruña).

Leer más:  Avisos amarillos por fuertes vientos y lluvia en las provincias de Pontevedra, A Coruña y Lugo hasta el sábado

O stand que a marca Artesanía de Galicia presenta estes días en Londres complétase coa cestería téxtil de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), os collages de Nena Ventura (A Coruña), as pezas de prata realizadas por Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) – Premio Artesanía de Galicia 2016 – ou a iluminación de Lámparas de cartón (Vigo).

A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía. 


- Te recomendamos -