Inicio Galicia A Xunta ofrece prácticas formativas na área metropolitana de Porto para mellorar...

A Xunta ofrece prácticas formativas na área metropolitana de Porto para mellorar a empregabilidade da mocidade

0

O número de prazas convocadas é de 12 e a inscrición está aberta ata o vindeiro día 20 de novembro

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia convoca a iniciativa Intercambios profesionais Galicia Norte de Portugal no marco do proxecto Lidera, aprobado ao abeiro do programa europeo Interreg para España e Portugal 2014-2020. Trátase dunha proposta multidisciplinar que contempla estancias creativas na área metropolitana da cidade lusa de Porto e que permitirá aos participantes completar a súa competencia profesional e persoal. O número de prazas convocadas é de 12 e a inscrición está aberta ata o 20 de novembro a través do portal web de Xuventude.

A finalidade deste programa é que a xente nova incremente as súas posibilidades de inserción laboral, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa noutro país como parte do seu currículo. De aí que as estancias creativas inclúan prácticas formativas non retribuídas e actividades complementarias, que se desenvolverán entre os días 2 e 7 do vindeiro mes de decembro no Porto e a súa área de influencia..

Ademais, estas experiencias formativas centraranse nos sectores de moda, novas tecnoloxías, audiovisual, servizos á xuventude e atención á diversidade. O proxecto inclúe a selección da empresa de realización da práctica, aloxamento e manutención, transporte de ida e volta dende Santiago de Compostela ata o lugar de estancia así como o transporte local, titorización e seguimento individualizado, e seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Leer más:  Plataforma Ulloa Viva acusa a la Xunta y al Estado "Es indignante"

Dentro do proxecto Lidera, esta acción formativa forma parte da actividade denominada Crece, que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede. O obxectivo é que se involucren os distintos actores do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.

Xornadas de coachingPor outra banda, e dentro do proxecto Lidera, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca unhas xornadas de coaching persoal a desenvolver durante os meses de novembro e decembro nos espazos Emprende deste departamento autonómico. Esta iniciativa procura apoiar á mocidade no seu itinerario persoal e profesional coa formación en habilidades transversais que melloren as súas oportunidades de emprego e emprendemento.

Esta acción forma parte da actividade do Lidera denominada Cataliza, que ten como fin mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xente nova mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación especializada e coaching persoal.

Nestas dúas actividades ofertadas, intercambios profesionais e coaching, poderán participar mozos e mozas galegas e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

Leer más:  El PSdeG urge a la Xunta a iniciar de inmediato los trabajos de prevención de incendios a tan solo un mes de finalizar el plazo

Outras actividades Así mesmo, ao abeiro do proxecto Lidera, mañá xoves remata o prazo de inscrición nas xornadas formativas sobre novas perspectivas de negocio no ámbito rural. Este encontro terá lugar a semana próxima, de luns a mércores, nas instalacións do albergue xuvenil de Gandarío.

Os obxectivos desta actividade son apoiar á xuventude na adquisición de coñecementos sobre a xestión de actividades no eido rural, impulsar a súa relación e integración na realidade económica do territorio reforzando o seu coñecemento do marco local, achegar a mocidade á realidade do tecido empresarial galego e portugués e promover o coñecemento e valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio. En resumo, o que se pretende con estas xornadas é ofrecer unha ferramenta para que a mocidade adquira coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

Por outra banda, ao longo do mes de novembro terán lugar varios encontros sectoriais nos que se establecerá unha dinámica de diálogo e coñecemento mutuo entre a xuventude e os axentes económicos do territorio. O próximo é o que terá lugar mañá na Oficina transfronteiriza de información xuvenil Chaves-Verín baixo o título Xuventude con vocación emprendedora, e pasado mañá venres o Espazo Xove de Pontedeume acollerá outro encontro centrado nas posibilidades de emprendemento nos ámbitos do surf e o ioga.

Leer más:  El PPdeG afirma que las críticas del PSdeG a las políticas de igualdad carecen de "credibilidad" después de la aprobación de la Ley del solo sí es sí

Toda a información sobre estas actividades está dispoñible no portal web de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Proxecto LIDERATodas estas iniciativas enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA). Esta proposta ten unha duración de catro anos e como obxectivo principal o de promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de case 1,5 millóns de euros e está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto, ademais da Xunta, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega) o Instituto Portugués do Deporte e a Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas e a Comunidade Intermunicipal do Ave.  


- Te recomendamos -