Inicio Galicia A Xunta elaborará un plan para definir as prioridades relacionadas cos obxectivos...

A Xunta elaborará un plan para definir as prioridades relacionadas cos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, adiantouno hoxe nunha xornada organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reafirmou hoxe o compromiso inequívoco da Xunta de Galicia coa implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados polas Nacións Unidas na Axenda 2030. Neste sentido, adiantou que vai elaborar un Plan para definir os compromisos e prioridades relacionadas cos ODS na comunidade autónoma, así como tamén avanzou que se está analizando a posibilidade de constituír un órgano interdepartamental que se encargue de abordar a execución destes obxectivos.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación na xornada “A localización dos ODS e as políticas públicas municipais de cooperación ao desenvolvemento”, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible recolle 17 obxectivos e 169 metas e constitúe un esforzo sen precedentes da comunidade internacional para dar resposta aos desafíos actuais en materia de promoción do desenvolvemento. Todas as administracións públicas deberán incorporala na posta en marcha das súas políticas públicas, polo que afecta a institucións como a propia Xunta, concellos e deputacións provinciais.

Leer más:  Se aprueba la gratuidad de las primeras matrículas universitarias, la primera promesa electoral de Rueda durante su campaña

Co obxectivo de afondar no compromiso autonómico con esta folla de ruta internacional, o Goberno galego encargou a elaboración dun diagnóstico sobre a implementación da Axenda 2030 na Xunta. No estudo, recóllense tanto os avances producidos ata o momento, como recomendacións para facilitar o seu cumprimento.

Precisamente, é a partir destas recomendacións que se decidiu establecer un plan de acción integrado que defina prioridades e compromisos na materia, e recolla un sistema de indicadores que permita medir a súa evolución e grao de cumprimento.

Cómpre recordar, ademais, que o IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 alíñase coa Axenda 2030 e orienta as súas actuacións para conseguir a súa aplicación por parte de todos os axentes e actores galegos en materia de cooperación. Neste Plan inclúese, ademais, o reforzamento do diálogo tanto con Fondo galego de cooperación e solidariedade, como co resto de administracións locais galegas para a apertura de espazos de colaboración que poñan en valor a cooperación local. 


- Te recomendamos -