Inicio Galicia A Xunta defende en Bruxelas maiores facilidades para a renovación da frota...

A Xunta defende en Bruxelas maiores facilidades para a renovación da frota pesqueira co futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na 131ª sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións


Representantes de todas as rexións e municipios da UE reuníronse onte e hoxe en Bruxelas nunha nova sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) para emitir 19 ditames de opinión ás políticas comunitarias. Galicia contribuíu especialmente á elaboración do ditame sobre o futuro Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP), dado que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, liderou o anterior ditame referido a este fondo, aprobado o pasado mes de maio. Tras a publicación da proposta de regulamento do FEMP por parte da Comisión Europea en xuño, o CdR volve pronunciarse sobre este tema para contribuír ao debate que está tendo lugar no Parlamento e o Consello de cara a súa aprobación definitiva.

Durante a defensa das 10 emendas presentadas por Galicia a este ditame, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a importancia de mellorar a aplicación da Política Pesqueira Común no Marco Financeiro Plurianual 2021-2027. Entre outros aspectos, resaltou a necesidade de que o futuro fondo apoie a renovación da frota para mellorar a seguridade dos pescadores e aumentar o atractivo da actividade pesqueira. En concreto, Galicia apoiou a proposta da relatora de eliminar o límite de idade de 40 anos para obter axudas á primeira adquisición dun buque pesqueiro, ademais de defender que estes buques non teñan máis de 15 anos de antigüidade, contra os 30 anos propostos pola Comisión Europea.

Leer más:  Los trabajadores de Navantia Ferrol detienen la producción durante cuatro horas

Tras negociacións coa relatora do ditame, Galicia conseguiu que se destaque o potencial da acuicultura na Unión Europea. Desta forma, o texto finalmente aprobado é coherente co ditame “O futuro da acuicultura europea”, liderado por Jesús Gamallo en 2015, así como coa aposta da Comisión Europea polo consumo de peixes e mariscos “criados na UE”.‘Reflexionar sobre Europa’ e adquisición de competencias dixitaisTamén tivo lugar a aprobación do documento “Reflexionar sobre Europa: a voz dos entes locais e rexionais para restaurar a confianza na Unión Europea”, ditame que representa a culminación de dous anos de diálogos e consultas nos que participaron máis de 40.000 cidadáns europeos e 110 entres locais e rexionais de 30 países do continente. Nas reunións previas de preparación, Galicia logrou incluír o cambio demográfico como unha das principais preocupacións dos entes locais e rexionais que agora aparece agora recollida no texto definitivo. Outro ditame ao que Galicia contribuíu de maneira significante foi o relativo ao Plan de acción en Educación Dixital proposto pola Comisión Europea a principios de ano para axudar ao Estados membros a afrontar os desafíos e oportunidades da educación na era dixital. A Xunta de Galicia presentou 14 emendas, todas elas aprobadas, nas que se destaca a necesidade de que as tecnoloxías dixitais axuden a reducir a fenda de aprendizaxe existente entre alumnos procedentes de diferentes entornos socioeconómicos, así como a importancia de facilitar o desenvolvemento das competencias dixitais por parte dos docentes.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

Dos restantes ditames destaca o relativo á mellora das instalacións portuarias para a recepción dos residuos dos buques, ao que Galicia presentou dúas emendas, e varios en relación cos futuros programas de financiamento comunitario nos eidos de medioambiente (LIFE), infraestruturas enerxéticas, dixitais e de transporte (Mecanismo Conectar Europa) e investigación e innovación (Horizonte Europa).

Semana Europea das Rexións e das CidadesEste pleno coincidiu coa celebración da Semana Europea das Rexións e das Cidades na que Galicia foi protagonista de tres seminarios. O primeiro con participación galega tivo lugar o luns na sede de la Fundación Galicia Europa e foi organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Rede de Investigación e Innovación das Rexións de Europa (ERRIN), da que GAIN forma parte. Baixo o título ‘Impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes europeas’ o evento buscaba sensibilizar ás rexións sobre a estratexia da Comisión Europea para dixitalizar a industria.

A segunda conferencia con representación galega tivo lugar hoxe á mañá no SQUARE Conference Center, grazas á conferencia organizada polo CdR xunto a Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) sobre a execución de fondos europeos a través dun enfoque local participativo en zonas pesqueiras, rurais e urbanas. Como exemplo de boas prácticas, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, Susana Rodríguez, presentou o funcionamento dos Grupos de Acción Local de Pesca en Galicia e o seu impacto na consecución de zonas de pesca sostibles.

Leer más:  Los trabajadores de Navantia Ferrol detienen la producción durante cuatro horas

Por último, mañá a sede da Fundación Galicia Europa acollerá o seminario “Iniciativas locais no eido do turismo cultural: un legado para Europa”, organizado xunto con NECSTouR, a rede europea de autoridades rexionais de turismo, da que Galicia forma parte. Neste acto intervirán representantes da Axencia de Turismo de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de intercambiar experiencias sobre como fortalecer o valor do turismo e o patrimonio cultural de maneira conxunta.

O Comité Europeo das RexiónsO CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea, que celebra seis reunións plenarias ao ano.


- Te recomendamos -