Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural destina 200.000 euros ás axudas para o...

A Consellería do Medio Rural destina 200.000 euros ás axudas para o fomento das razas autóctonas galegas

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas para o ano 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento das razas autóctonas de Galicia para o ano 2019. Desta forma, o departamento que dirixe José González mantén o seu compromiso coa conservación destas especies, apostando pola súa protección e defensa.

Esta liña de achegas, que conta cun orzamento de 200.000 euros, ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos.

Os posibles beneficiarios destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega. As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

Leer más:  Galicia ocupó el quinto lugar en el número de muertes en el trabajo en 2023, destacándose especialmente los casos de infartos

Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

O prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.


- Te recomendamos -