Inicio Galicia Xunta e concello do Grove colaboran na posta en marcha dun comedor...

Xunta e concello do Grove colaboran na posta en marcha dun comedor escolar do CEIP Rosalía de Castro

0

O conselleiro de Cultura e Educación e o alcalde da localidade pontevedresa asinaron hoxe un convenio para a instalación de espazos para este fin

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do cal ambas as entidades colaborarán na posta en marcha dun comedor escolar no CEIP Rosalía de Castro, na devandita localidade pontevedresa. Deste xeito dáse resposta á demanda da comunidade educativa de contar cun espazo destas características para contribuír á conciliación da vida laboral e familiar.

Ao abeiro do acordo asinado hoxe a Consellería aportará 36.636,30 euros, cos que desenvolverá a licitación, dirección e execución das obras para a instalación dun módulo prefabricado –no que se situará o comedor–nas inmediacións do centro educativo. Pola súa banda, o Concello do Grove achegará outros 30.000 euros, así como as subministracións básicas necesarias (abastecemento de auga, saneamento e electricidade) para a prestación deste servizo educativo complementario.

O módulo que acollerá o comedor dispón de 60 m² nos que se poderá prestar o servizo de comedor a 40 comensais de forma simultánea, quedando a decisión do centro a organización ou non en varias quendas. A asociación de nais e pais será quen se ocupe da xestión do comedor.

Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é que o comedor comece a funcionar a finais de setembro ou principios de outubro deste mesmo ano 2018, co fin de dar resposta canto antes ás peticións da comunidade escolar do CEIP Rosalía de Castro.

No hay comentarios