Inicio Galicia Xerpo Cultural chega esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago...

Xerpo Cultural chega esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago co espectáculo ?Casquería e outras vísceras?

0

Poderá verse na sede compostelá do Centro Dramático Galego mañá sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá esta fin de semana a Xerpo Cultural, compañía residente da Sala Ingrávida do Porriño, co seu espectáculo Casquería e outras vísceras. Irene Moreira asina a dirección e dramaturxia desta montaxe, que Olga Cameselle e Álex Sobrino interpretarán na sede do Centro Dramático Galego (CDG) mañá sábado 8, ás 20,30 h., e o domingo 9, ás 18,00 h.

A través da súa linguaxe poética, Casquería e outras vísceras fala da substancia interior do ser humano e proponlle ao público un espazo para a reflexión e para a acción. A isto contribúe, ademais, a forza impactante do espazo escénico deseñado por Montse Piñeiro, quen tamén se encargou da iluminación e do vestiario, así como o espazo sonoro de Natalia Cancela. Completa o equipo José Vaquero como axudante de dirección.

A través desta montaxe, Xerpo proponlle ao espectador unha pregunta: por que a sociedade non é quen de detectar o talento? Na procura dunha resposta a esta cuestión, o espectáculo afonda na desconexión social coa identidade, especialmente coa das minorías, que se foi diluíndo no que a compañía define como feitos maquinais: traballo, consumo, supervivencia…

Leer más:  Un centenar de colectivos de toda Galicia se manifiestan en Pontevedra contra la "depredación energética"

As entradas para as dúas funcións de Casquería e outras vísceras en Santiago xa están á venda a través do web entradas.ataquilla.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do inicio das representacións.

A programación na sede do Centro Dramático Galego continuará a semana que vén, cando chegará a Santiago a compañía Inversa Teatro para representar do martes 11 ao domingo 16 o seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, tras o seu paso por Culturgal e a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo. 


- Te recomendamos -