Inicio Galicia Medio Ambiente aproba a primeira ordenanza tipo contra a contaminación acústica para...

Medio Ambiente aproba a primeira ordenanza tipo contra a contaminación acústica para facilitar que todos os concellos desenvolvan a súa propia normativa en materia de ruído

0

Esta ferramenta porase a disposición dos 313 municipios galegos aínda que os máis beneficiados serán os de tamaño medio e os pequenos debido á escaseza ou falta de persoal para poder facer unha normativa na materia con medios propios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de rematar o primeiro modelo de ordenanza contra a contaminación acústica de Galicia co obxectivo de facilitar a todos os concellos da comunidade o desenvolvemento da súa propia normativa en materia de ruído. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se aproba esta proposta de ordenanza coa que se dá un novo e importante paso na prevención e loita contra este problema, que ten un evidente impacto sobre a calidade de vida da poboación e provoca notables alteracións ambientais.

O documento é o primeiro que elabora a consellería en cumprimento do decreto de 2015 sobre contaminación acústica de Galicia, que prevé a obriga de que os concellos conten cunha ordenanza sobre contaminación acústica adaptada á normativa vixente e que a Xunta aprobe á súa vez unha proposta tipo que poida ser de aplicación naqueles concellos que así o acorden previamente. Trátase, polo tanto, dunha proposta de carácter orientativo e non vinculante, que todos os municipios poderán tomar coma referencia, de forma íntegra ou parcial, á hora de aprobar as súas propias ordenanzas sobre contaminación acústica.

Leer más:  La Diputación de Pontevedra rechaza a Sánchez en una sesión en la que el PSOE abandonó acusando al PP de ser "peones de Feijóo"

En todo caso, os municipios máis beneficiados por esta nova ferramenta serán os de tamaño medio (pola incidencia que teñen os problemas de ruído nas poboacións que roldan os 20.000 habitantes) e os pequenos (debido á falta de medios e persoal para elaborar a súa propia normativa acústica desde cero).

De feito, ante a complexidade técnica da materia e tendo en conta a sensibilidade que xera tamén desde o punto de vista social, o obxectivo da Xunta é garantir un novo marco que integre a normativa estatal e autonómica e ofreza seguridade xurídica aos concellos, como administración competente á hora de regular o modo de previr, vixiar e reducir este tipo de contaminación para evitar danos á saúde pública, aos bens ou ao medio ambiente.

A contaminación acústica é unha das alteracións ambientais que máis preocupación social produce en termos de poboación prexudicada. Por iso, a importancia desta nova ordenanza radica en que incidirá de forma positiva sobre os concellos xa que suporá unha mellora na calidade de vida dos veciños ao adaptar os límites de ruído permitidos e desexables ás propias actividades que se desenvolven en cada zona acústica.

Para logralo, o documento integra unha serie de aspectos claves regulados xa na normativa en vigor. En materia de zonificación acústica, recolle a obriga de dividir o concello en áreas acústicas que comparten e deben cumprir os mesmos obxectivos de calidade; en caso de non cumprilos, haberá que aprobar o correspondente mapa de ruído e un plan de acción.

Leer más:  El PSOE de Santiago de Compostela confía en que Besteiro cuente con la ciudad en su proyecto para el PSdeG

Esta zonificación é a base do control municipal do ruído e afecta tanto ás áreas xa urbanizadas como aos novos desenvolvementos urbanísticos, aínda que tamén se prevé a posibilidade de suspender por resolución municipal a aplicación dos obxectivos de calidade cando unha determinada zona vaia albergar un evento ou por outras causas xustificadas.

Por outra banda, recolle os valores límite de determinados emisores (vehículos a motor, maquinaria ao aire libre, certos traballos na vía pública…) e fixa os requisitos de illamento acústico dos edificios, as industrias e as actividades públicas co fin de que cumpran os devanditos límites. Neste sentido, para a concesión da licenza de primeira ocupación dun inmoble será necesario presentar o informe de ensaio que avale que cumpre cos illamentos esixidos desde un punto de vista acústico. Así mesmo, a nova ordenanza autonómica adapta tamén o réxime de inspeccións e de infraccións e sancións da lei 37/2003 de Ruído.

Tramitación e entrada en vigorCoa súa publicación no DOG, a orde entrará en vigor aos 20 días, é dicir, a comezos de 2019. En todo caso, cómpre precisar que a nova ordenanza non poderá comezar a aplicarse de forma inmediata. Aqueles concellos que estean interesados en adaptala tal cal ou tomala como referencia para desenvolver unha norma propia, deberán seguir os trámites previstos pola lexislación de réxime local antes de poder aprobala e poñela en práctica. Deste xeito, estímase que os primeiros concellos tardarán uns seis meses en adaptar a nova ordenanza.

Leer más:  Un hombre mata a cuchilladas a su cuñado en plena calle en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) y se da a la fuga

A previsión é que a proposta de ordenanza acústica aprobada pola Xunta, sobre a que foi informada e consultada a Fegamp, teña unha boa acollida por parte das administracións locais xa que será unha ferramenta moi útil para garantir o exercicio das súas competencias.

Galicia, á cabeza en materia acústicaA importancia de combater e previr o problema do ruído sempre estivo moi presente para a Xunta, que foi un dos primeiros gobernos autonómicos en asumir un papel decidido nesta materia. Así, no ano 1997 aprobou unha lei de protección contra a contaminación acústica e posteriormente impulsou o decreto do ano 2015 co fin de adaptar o marco normativo autonómico aos últimos cambios introducidos na lexislación estatal e europea.

Coa aprobación por parte da Xunta desta ordenanza modelo, Galicia volve a adoptar unha posición de vangarda no país en materia de ruído, xa que será unha das primeiras autonomías, xunto con Aragón, Baleares, Andalucía e Castela e León, en dotarse deste tipo de instrumento para axudar aos concellos a desenvolver e poñer en marcha, no ámbito das súas competencias, mecanismos axeitados na loita contra a contaminación acústica.


- Te recomendamos -