Inicio Galicia Feijóo salienta que a Lei de fomento da mobilización da terra produtiva...

Feijóo salienta que a Lei de fomento da mobilización da terra produtiva abrirá novas oportunidades de futuro no rural

0

Destaca outras iniciativas destinadas a potenciar a actividade nas terras, como a localización e mobilización de predios agrícolas en desuso mediante a inmediata potenciación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a nova Lei de fomento da mobilización da terra produtiva de Galicia, na que xa se está a traballar, abrirá novas oportunidades de futuro no rural.

Durante o acto conmemorativo do 50 aniversario da cooperativa Feiraco, Feijóo explicou outras iniciativas destinadas a potenciar a actividade nas terras, como a localización e mobilización de predios agrícolas en desuso mediante a inmediata potenciación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural; e a creación dos polígonos agroforestais, unha nova figura que facilitará a agrupación de predios cando exista un proxecto de investimento viable.

Así mesmo, afirmou que tamén se axilizarán os procesos de concentración parcelaria para cumprir o compromiso de pechar en 2020 todos os procesos abertos a día de hoxe, 112.000 hectáreas. Lembrou, ademais, a posta en marcha do Programa de impostos cero no rural, que facilita a compra de parcelas.

Leer más:  Rueda considera estudiar la derogación del decreto lingüístico en busca de pactos: "No se descarta nada en absoluto"

Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico referiuse ás cifras que consolidan a estabilidade que se vive no sector lácteo e que fan que Galicia siga a ser líder nacional. Ao respecto, precisou que entre agosto de 2017 e o mesmo mes de 2018, a produción na Comunidade medrou un 2,6% e o incremento acumulado nos dous últimos anos chegou a case o 6%.

En relación ao prezo do leite, subliñou que no último ano se mantivo estable nos 30,3 céntimos por litro. E, desde agosto de 2016 aumentaron ata un 11% os prezos, se ben, recoñeceu que a Xunta non se conforma.

Os produtores galegos facturaron en 2017 algo máis de 775 millóns de euros, un 9% máis que o exercicio anterior. E é alentadora tamén a incorporación da mocidade: entre 2016 e 2017 incorporáronse á actividade agraria 1084 mozos.

Nese camiño, recordou ademais que xa está cumprido case a metade do obxectivo do Plan de desenvolvemento rural de Galicia, que prevé que ata 2023 se poidan incorporar ao rural 2500 mozos.

Leer más:  Tres detenidos en Portugal y más 1.000 kilos de cocaína intervenidos en los puertos de Sines y Vigo

Para seguir avanzando, Feijóo referiuse tamén á liña de traballo que se está a levar acabo no impulso á transformación e pola posta en valor do leite. Así, só neste 2018, achegáronse máis de 29 millóns para a transformación de produtos agroalimentarios.

Cómpre salientar que unha parte importante destes fondos apoiarán iniciativas vinculadas ao sector lácteo, xa que os proxectos do sector solicitaron axuda este ano e mobilizarán 64 millóns de euros.

Por outra banda, o responsable autonómico destacou o acordo para estabilidade e sustentabilidade da cadea de valor do sector vacún de leite propiciado polo Goberno central e a Xunta, e asinado en 2015 con diferentes axentes do sector.

E como mostra dos seus resultados, citou a recente publicación no BOE do decreto que regula a identificación da orixe do leite e o freo á banalización do leite como produto reclamo.

O presidente do Executivo galego avogou por traballar xuntos para seguir acadando melloras e trasladou a necesidade de que o Goberno actual de España manteña os compromisos adquiridos e defenda os intereses dos gandeiros. Non en van, lembrou que o traballo conxunto permitiu un acordo entre a Xunta e as organizacións Unións Agrarias-UPA, ASAGA, AGACA e Clun para mostrar unha posición conxunta ante a futura PAC dos principais axentes do sector.

Leer más:  Los trabajadores de Finsa están bloqueando el tráfico cerca de la factoría de Santiago exigiendo un nuevo convenio

Por último, salientou que, nos últimos cinco anos, case 800 explotacións individuais pasaron a integrarse en sociedades. Destacou que hoxe Clun é toda unha realidade que agrupa Feiraco, Irmandiños e Melisanto, cuxa magnitude se entende mellor con cifras: 420 traballadores, máis de 3500 socios e 160 millóns de litros ao ano en produción de leite. Ademais, animou aos produtores para que xurdan novos proxectos con tanto potencial coma este.

Feijóo aseverou que Galicia ten un produto de calidade e ganas de ser mellores, resaltando que a experiencia de Feiraco demostra que o rural ofrece oportunidades de prosperar; que a tradición non é incompatible co progreso; e que non hai que saír da Comunidade para atopar empresas que son competitivas. “Temos un produto de calidade, temos experiencia e oportunidades de futuro”, concluíu.


- Te recomendamos -