Inicio Galicia Feijóo e o ministro de Planeamento portugués coinciden na necesidade de culminar...

Feijóo e o ministro de Planeamento portugués coinciden na necesidade de culminar a modernización da liña ferroviaria

0

En relación ao corredor multimodal e loxístico Irún-Aveiro, ambos valoran o feito de que a Comisión Europea propoña a ampliación do corredor atlántico ferroviario, incluíndo a liña Ourense-Vigo


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Planeamento e Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques, coincidiron hoxe en sinalar como compromisos prioritarios na axenda de ambos os territorios a culminación da modernización da liña ferroviaria; así como o impulso do corredor loxístico Irún-Aveiro, que conectará os principais portos da fachada atlántica e do suroeste europeo co resto do continente.“Nun momento no que as economías de Portugal e España empezan a recuperar un vigor que durante anos estivo ameazado como consecuencia da crise, cremos que é o momento de retomar o impulso dalgunhas infraestruturas”, aseverou o titular da Xunta.

Ao respecto, e en relación ao corredor Irún-Aveiro, Feijóo lembrou que, se ben xa se abordou conxuntamente a posibilidade de crear un corredor ferroviario que unise o corredor multimodal e loxístico Irún-Aveiro coas rexións norte de España, ambos valoraron o feito de que a Comisión Europea propoña a ampliación do corredor atlántico ferroviario, incluíndo a Liña Ourense-Vigo.

En relación á modernización da liña ferroviaria, o titular da Xunta resaltou a vontade do Goberno portugués de completar a modernización da conexión ferroviaria no tramo portugués no menor tempo posible. E destacou a súa importancia para a potenciación da Eurorrexión, xa que, ademais de mellorar o transporte de viaxeiros, supón a conexión dos grandes portos de Galicia e Portugal.

E, no que atinxe a España, o presidente da Xunta expresou a necesidade de avanzar nos proxectos necesarios no treito español como a electrificación do treito de oito quilómetros entre Guillarei e Tui ou a execución da saída sur de Vigo, que permitirá que a estación da cidade olívica se converta nunha estación pasante e, polo tanto, que os trens que enlazan co Eixo Atlántico e os que entran pola meseta desde Ourense non precisen facer un retroceso no seu itinerario.“É verdade que no futuro debemos ter un tren máis rápido e máis competitivo e cremos que ao final de 2019 ou principios de 2020 podemos ter un tren Porto-Vigo nunha hora e media; un paso de xigante comparado coa situación actual”, abundou Feijóo.

Leer más:  En A Coruña se llevan a cabo las principales manifestaciones por el Día del Trabajo con énfasis en la petición de salarios más altos

No tocante ao debate sobre os fondos transfronteirizos a partir de 2020, ambos coincidiron na importancia de elaborar unha proposta conxunta de cara á súa negociación. Non en van, os dous territorios aspiran a manter un volume de fondos o máis próximo posible ao actual, a pesar do recorte total na UE.

Reunións coa secretaria de Estado de Industria e co presidente da Cámara Municipal de LisboaAntes da reunión co ministro, o presidente do Executivo autonómico mantivo unha xuntanza coa secretaria de Estado de Industria, Ana Teresa Lehman, vicepresidente durante varios anos da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal e coñecedora, polo tanto, de todo o traballo realizado no ámbito da Eurorrexión para facer ambos os territorios máis sólidos e competitivos.

Na xuntanza, concretaron un próximo encontro en Galicia cos clústers da automoción, do sector aeronáutico e do téxtil, para falar da Industria 4.0 e da Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza. Non en van, esta é a única estratexia que ten presentada unha Comunidade de traballo de dous países en Europa e que foi aprobada.

Lehman e Feijóo coincidiron tamén en explorar novas vías de colaboración en diversos sectores económicos como a aeronáutica, a automoción, o agroalimentario ou o contract. “E trasladeille a necesidade de valorar unha terceira conexión gasística a través de Zamora-Ourense, así como unha liña de alta tensión entre Arbo e Ponte da Lima, para que as enerxías excedentarias de ambos países se poidan interconectar e evacuar cara a outros lugares de Europa que, nun momento puntual, o necesiten”, engadiu.

O titular da Xunta empezou a súa axenda cun encontro do presidente da Cámara Municipal de Lisboa, Fernando Medina, con quen abordou as oportunidades que suporían para ambos territorios desenvolver un paquete turístico Lisboa-Norte de Portugal-Galicia. Encontro na Cámara de Comercio e Industria Luso EspañolaLogo da reunión con Pedro Marques, Alberto Núñez Feijóo participou nun xantar organizado pola Cámara de Comercio e Industria Luso Española, onde avogou por descentralizar a axenda común de colaboración transfronteiriza e facela extensiva a todo o país, non só á rexión norte, para afrontar retos conxuntos como a dinamización demográfica e o avellentamento activo.

Leer más:  Puente defiende que un partido necesita "un líder, un buen equipo y proyecto": "Y esas tres cosas las tiene Besteiro"

Durante o xantar Feijóo evocou, deste xeito, o espírito fundacional da Eurorrexión e remarcou a necesidade de que Portugal e Galicia sigan orientando todos os seus esforzos cara ao fomento de iniciativas que reforcen a nosa competitividade como territorio; “como dous pobos que se ven socios prioritarios a todos os niveis; cunha capacidade industrial complementaria e cunha potencia loxística de referencia en Europa”, precisou, incidindo na colaboración como o principal activo que fundamenta o carácter bilateral de institucións como esta cámara de comercio.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego subliñou que Galicia e Portugal conforman un mercado de grande atractivo para empresas propias e foráneas, “e en facer máis competitivo ese mercado é no que temos que traballar xuntos”, abundou.

Nesta liña, precisou que Galicia leva cinco anos consecutivos batendo o mellor ciclo exportador da súa historia, superando a barreira dos 21.000 millóns de euros. “E somos unha das economías máis receptivas ao investimento estranxeiro porque soubemos levantar barreiras ás empresas”, dixo, recordando que calquera proxecto industrial con plans de instalarse na Comunidade se atopará con máis axilidade nos trámites, bonificacións fiscais e cunha rebaixa de ata o 95% nos impostos locais dos concellos adscritos como concellos emprendedores, solo industrial a metade de prezo ou con dereito a superficie e cunha planificación de polígonos industriais á medida.

Leer más:  El PSdeG propone a Luis Lago Lage para Organización, en una ejecutiva donde Carmela Silva sigue como presidenta

Así mesmo, subliñou que a Marca Galicia leva impreso o valor engadido da innovación, como proba cada novo modelo que PSA adxudica á planta de Vigo; cada jacket que os estaleiros da ría de Ferrol constrúen para os principais parques de eólica offshore do mundo; cada pedido que multinacionais da aviación fan a empresas aeronáuticas de Galicia; cada buque ou fragata que sae das gradas galegas ou cada novo paso que dá a industria dos avións non tripulados, explicou, referíndose tamén á industria agroalimentaria e ao sector biotecnolóxico.

Ademais de incentivar a colaboración público-privada e o traballo conxunto de empresas, centros tecnolóxicos e universidades, para que a investigación científico-tecnolóxica teña unha aplicación directa na industria e, en consecuencia, no mercado, Feijóo referiuse tamén á posta en marcha do Plan Galicia Innova que, cun orzamento de preto de 1800 millóns, busca axudar ao conxunto de empresas galegas a dar o salto dixital.

Nese novo escenario tecnolóxico, o presidente da Xunta destacou tamén a aposta pola formación á carta nas empresas, cunha achega de máis de 14 millóns para formar máis de 5.000 profesionais da industria do metal na Comunidade. Unha iniciativa que se está a estender a outros sectores.

Feijóo concluíu recordando que, hoxe en día, Portugal é o segundo país do mundo ao que máis exporta Galicia, crecendo desde xaneiro a abril deste ano un 22%.

No que respecta ao número de empresas, cómpre resaltar que en 2017 foron preto de 1300 as que exportaron a Portugal, das que 880, case o 70%, o fixo de forma regular. E, por sectores, o téxtil representa o 15,2% das exportacións; a pesca o 13,3% e a automoción o 10%.

En termos de importacións, o país veciño é o segundo mercado do que máis importa a economía galega e o segundo que máis investiu en Galicia en 2017: 13,9 millóns dun total de 106 millóns.


- Te recomendamos -