Inicio Galicia Feijóo destaca unha achega de máis de 26 millóns de euros para...

Feijóo destaca unha achega de máis de 26 millóns de euros para impulsar en 600 empresas o novo modelo produtivo baseado na industria 4.0

0

Trátase dunha iniciativa que prevé mobilizar máis de 70 M€ en tres liñas de axudas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, unha achega de 26,3 millóns de euros para impulsar en 600 empresas o novo modelo produtivo baseado na Industria 4.0. Trátase dunha iniciativa que prevé mobilizar máis de 70 millóns de euros en tres liñas de axudas: a terceira edición do programa Fábrica Intelixente; as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera); e os apoios do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) á dixitalización do tecido empresarial galego.

No tocante á nova convocatoria do programa Fábrica Intelixente, Feijóo explicou que esta terceira edición, que se publicará no DOG nos vindeiros días, contará cun orzamento de 12,7 millóns, co obxectivo de apoiar proxectos estratéxicos de investigación e novas tecnoloxías e baixo a previsión de mobilizar máis de 31 millóns de euros.

Entre as principais novidades desta convocatoria, explicou, destacarán: a redución do orzamento mínimo dos proxectos para permitir unha maior participación das pemes, pasando de 4 millóns de euros a 2 millóns de euros; a ampliación do prazo para a execución dos proxectos ata 2022, de xeito que a duración dos proxectos pasa de 2 anos a algo máis de 3; e a eliminación da limitación do número de persoas investigadoras subvencionables.

Leer más:  Productores gallegos venden leche a menos de 50 céntimos en marzo, siendo los más baratos del país

Así mesmo, os beneficiarios destas axudas serán as compañías sen ningún tipo de restrición en canto ao seu tamaño; e os organismos de investigación cun centro permanente en Galicia e que poidan asumir, como mínimo, o 15% do orzamento total do proxecto. Non en van, nas dúas convocatorias anteriores apoiáronse iniciativas do grupo PSA e de Copo –en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia– no campo do automóbil; de Televés no eido das TIC; de Finsa no ámbito da madeira; e do grupo CUPA no sector da lousa.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a través destas axudas proxectos de I+D que sexan desenvolvidos de xeito individual ou en cooperación entre firmas que pertenzan a un mesmo grupo empresarial, que poderán, a súa vez, cooperar cun organismo de investigación, tendo que asumir o 15% do orzamento. E proxectos de innovación en materia de procesos ou organización individuais –só para pemes- ou, nesta nova convocatoria como novidade, en cooperación entre compañías de, como máximo, dous grupos empresariais diferentes, sendo necesario que unha delas sexa unha peme.

Leer más:  El equipo de Sanidad se reunirá la semana próxima con sindicatos que criticaron la ausencia de contacto hasta el momento

O período de solicitude permanecerá aberto todo o ano ao habilitarse dúas datas de peche de solicitudes ao longo de 2019: unha no primeiro semestre e outra no segundo. E, as empresas que se presenten ao primeiro dos prazos sen que os seus proxectos acaden financiamento poderán mellorar as súas solicitudes e volver presentarse.“O obxectivo é que ningún bo proxecto quede sen apoio”, salientou o titular do Goberno galego para logo engadir que esta nova convocatoria do programa Fábrica Intelixente contribuirá a crear novos postos de traballo cualificados e a aumentar o peso da actividade industrial sobre o PIB galego.

En relación ao segundo programa: as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), por valor de 8,6 millóns de euros, o presidente do Goberno galego destacou que o obxectivo é apoiar a 90 pemes e micropemes, favorecendo a súa competitividade e incentivando o seu crecemento.

A previsión deste segundo programa é mobilizar 26 millóns de euros, mentres que a intensidade máxima da axuda, engadiu Feijóo, será do 40% do total ata un máximo de 150.000 euros por proxecto.

Leer más:  El juicio por la sanción a un hombre que pidió ser atendido en gallego en un ambulatorio en Rianxo se llevará a cabo el 3 de junio

Por último, e sobre as axudas para a dixitalización da industria 4.0, Feijóo explicou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) apoiará con 5 millóns de euros a dixitalización do tecido empresarial galego, coa previsión de mobilizar 13,28 millóns de euros para xerar proxectos colaborativos de dixitalización e apoiar ás empresas que invistan en procesos de dixitalización para cubrir as súas necesidades.

Para iso, a Xunta apoia o desenvolvemento de talleres de dixitalización, é dicir, espazos de colaboración desenvolvidos por un mínimo de 6 empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración para poñer en marcha ferramentas dixitais. O apoio, que será dun máximo por proxecto de 25.000 euros, estará dirixido neste caso a organismos intermedios, que son os que organizarán as iniciativas, baixo o obxectivo de realizar 25 cursos, nos que participarán ao redor de 300 firmas.

Doutra banda, concederanse ás pemes axudas á dixitalización, coas que se apoiarán tanto o investimento en equipos e software como as colaboracións necesarias para a súa implementación.

Todo isto co fin de poder beneficiar a 200 empresas de xeito directo ou ben no marco de proxectos agrupados, despois da boa acollida no 2018. 


- Te recomendamos -