Inicio Galicia Cores Tourís comproba as obras de mellora da área de xogos da...

Cores Tourís comproba as obras de mellora da área de xogos da escola infantil de Pontecesures

0

Os traballos contaron cun orzamento de case 17.500 euros aportados pola Consellería de Política Social a través das axudas para a mellora das infraestruturas e equipamento das Escolas Infantís

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou, en compaña do alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, a Escola Municipal Infantil deste municipio para comprobar as obras executadas para mellorar a área de xogos deste centro, no que a Consellería de Política Social investiu case 17.500 euros.

A escola infantil municipal conta con 15 anos de antigüidade e está conformada por un único bloque de dúas plantas, contando na súa parte posterior cun espazo axardinado que se atopaba mal acondicionado, polo que o concello decidiu solicitar unha subvención á Consellería de Política Social para executar unha zona de xogos e recreacións para os nenos e nenas deste centro.

A zona contaba cun pequeno horto, con 5 árbores e un chan vexetal, con apenas vexetación e unha serie de xogos infantís que necesitaban ser reemprazados de cara a mellorar a seguridade e utilidade deste espazo destinado a nenos cunha idade de entre 0 a 3 anos. Tamén decidiuse cambiar o solo deteriorado por unha nova configuración acorde aos usos actuais de salubridade, utilidade e seguridade. A solución definitiva estivo composta por un novo pavimento anti-caídas sobre a que se situaron os xogos dos nenos. Dese xeito, o chan sobre o que se colocaron os xogos está composto por unha capa de gránulos de caucho reciclado SBR sobre unha soleira de formigón en masa, en cores segundo prescrición da dirección facultativa, así como a situación de dous montículos da mesma solución construtiva.

Leer más:  El Parlamento gallego sugiere que se declare el Xacobeo 2027 como un acontecimiento de interés excepcional

A subvención, de 17.500 euros, procede das axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das Escolas Infantís de 0 a 3 anos, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social.

Estas axudas teñen como finalidade a posta en marcha de obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, especialmente as obras que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios. Tamén cobren a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo, así como a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías nas aulas.

Ademais da escola infantil de Pontecesures, tamén resultaron beneficiadas con estas axudas na provincia de Pontevedra os centros municipais para nenos de 0 a 3 anos de Arbo, A Cañiza, A Guarda, Meaño, Ponteareas, Rodeiro, Revel, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, por un montante total de 157.842 euros.


- Te recomendamos -