Inicio Galicia Alumnos do obradoiro de emprego de Celanova, Bande e Verea aproveitaron a...

Alumnos do obradoiro de emprego de Celanova, Bande e Verea aproveitaron a formación en novas tecnoloxías para desenvolver vídeos e aplicacións de promoción turística

0

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación das iniciativas dixitais, que xa están nas redes, froito dos nove meses de aprendizaxe e formación do taller ‘Novicrea4.0’

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na presentación das iniciativas de promoción turística que elaboraron os alumnos do obradoiro de emprego ‘Novicrea 4.0’ promovido o pasado ano pola agrupación de concellos de Celanova, Bande e Verea e centrado nas novas tecnoloxías da información. O acto contou tamén coa presenza dos alcaldes dos tres municipios promotores do taller.

Tres aplicacións informáticas e outros tres vídeos promocionais dos recursos patrimoniais e turísticos de cada un dos concellos, que xa están colgados nas redes, son o resultado final e visible dos 9 meses de traballo dos alumnos das especialidades de aplicacións web e de audiovisual.

Marisol Díaz afirmou que a iniciativa dos concellos promotores de apostar pola formación e a aprendizaxe nun sector tan de auxe como é o tecnolóxico “foi innovadora e creativa, a través da que os concellos promotores buscaron crear novas oportunidades laborais para as persoas desempregadas que participaron no obradoiro”. Ademais, subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral, ao tempo que se referiu á ‘Axenda Industria 4.0’ que apunta á necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria que cada día aposta máis pola innovación e a dixitalización.

Leer más:  La exposición dedicada a la carrera de Roberto Verino finaliza con el diseñador elogiando el papel de las mujeres

A delegada territorial lembrou que este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que se invisten 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e a súa principal novidade consiste en que parte do alumnado ten a posibilidade de contar, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, e segundo sexa o caso, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando. Os 3 obradoiros restantes son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.

No acto proxectáronse os vídeos e o coordinador do obradoiro, Antonio Piñeiro, explicou o emprego das novas aplicacións que xa están colgadas no google play para que calquera persoa as poida descargar.


- Te recomendamos -