Inicio Galicia Actívase a alerta laranxa por chuvias no oeste e suroeste da Coruña...

Actívase a alerta laranxa por chuvias no oeste e suroeste da Coruña a partir de mañá

0

Cómpre recordar que mañá tamén estará activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego a partir das 14,00 horas


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un episodio de chuvias que afectará mañá ao oeste e suroeste da provincia da Coruña. Cómpre recordar que xa estaba activada tamén unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego a partir das 14,00 horas de mañá.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 09,00 horas deste martes agárdanse nestas zonas da provincia da Coruña precipitacións acumuladas de 80 mm en 12 horas.

No mar, espéranse ventos do suroeste, con forza 8 a intervalos. Na costa do noroeste e oeste da Coruña poderán acadar a forza 9 ocasionalmente, con mar combinada do oeste de 5 a 6 metros.

Ante as fortes chuvias, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse (pontes, torrentes, etc.), non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade ( bicicletas ou ciclomotores) e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa dende tellados, balcóns e ventás.

Leer más:  (AV) Besteiro llama a la militancia a "reactivar" el PSdeG y anuncia una conferencia política en otoño

En canto á alerta na costa, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese. 


- Te recomendamos -