Inicio Galicia A Xunta coordina coa Fegamp o ofrecemento de Galicia para a acollida...

A Xunta coordina coa Fegamp o ofrecemento de Galicia para a acollida de migrantes do Aquarius

0

O Goberno galego informou destas xestións ao Concello de Santiago, que onte requiriu da Xunta unha resposta xa artellada desde hai días

A Xunta de Galicia está a coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o ofrecemento da Comunidade autónoma para a acollida de migrantes chegados a España procedentes do buque Aquarius. Así informou hoxe o Goberno galego ao Concello de Santiago, que onte requiriu da Xunta unha coordinación na resposta que xa está artellada desde hai varios días.

A Xunta de Galicia púxose desde o primeiro momento á disposición do Goberno de España para dar resposta ás necesidades de aloxamento e asistencia aos refuxiados e con tal fin xa se celebraron as primeiras reunións de coordinación entre os organismos da Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en representación dos concellos galegos e as entidades sociais que xestionan o Programa de Acollida a Persoas solicitantes de protección internacional. As reunións foron organizadas pola Consellería de Política Social, á que corresponde a coordinación da axuda galega.

Leer más:  El socialismo gallego se une para apoyar a Sánchez ante el "acoso": "Los demócratas debemos unirnos y actuar"

En ditas reunións xa se puxeron de manifesto as necesidades e os medios de que dispoñen tanto a Xunta de Galicia como os concellos que comunicaron á Fegamp a súa oferta de colaboración. A Xunta de Galicia porá a disposición as vivendas que lle foron demandadas, da mesma maneira que varios concellos ofreceron vivendas da súa propiedade.

Desta maneira a Xunta buscar dar unha resposta común e coordinada do conxunto de Galicia, empregando con eficacia os recursos postos a disposición por todas as administracións.

A Xunta agradece a colaboración de todos os concellos galegos interesados en participar no realoxo de refuxiados, pero recomenda que o fagan a través da Fegamp para que a axuda sexa eficaz e dea resposta a necesidades reais. 


- Te recomendamos -