Inicio Galicia A Xunta avanza na execución do Plan de sendas na comarca de...

A Xunta avanza na execución do Plan de sendas na comarca de Vigo, cuxos veciños teñen xa á súa disposición 5 novos itinerarios peonís e ciclistas

0

O director explica que estas actuacións se están a desenvolver nunha zona densamente poboada co obxectivo de completar grandes eixos de mobilidade sostible nas estradas autonómicas e mellorar a seguridade viaria

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que o Plan de Sendas na comarca de Vigo xa dispón de 5 proxectos rematados, dous en execución e dous en tramitación.

Menéndez concretou que este plan contempla nesta bisbarra un total de 11 sendas, cunha lonxitude total de 12,5 quilómetros, que se están a desenvolver en 9 proxectos construtivos, mediante un investimento duns 5,9 millóns de euros.

Explicou que estas actuacións se están a desenvolver nunha zona densamente poboada na que se completan grandes eixos de mobilidade sostible nas estradas autonómicas e se mellora a seguridade viaria.

Entre as sendas xa rematadas, atópase a proxectada na estrada PO-552, no paseo marítimo, que compatibiliza os usos peonil e ciclista. As obras coordináronse coas da execución dunha nova glorieta na fronte marítima de Baiona e coa instalación de semáforos para regular o tránsito peonil.

Leer más:  UPA lleva fresas "sanas, seguras y sostenibles" a la Praza do Obradoiro para reivindicar el producto

O Concello de Nigrán tamén dispón dunha senda finalizada na estrada PO-325, dándolle continuidade ao carril bici e á senda peonil desta vía entre o Pq. 14+600 e o 15+000 e, á súa vez, levando a cabo unha reordenación do tráfico e unha mellora dos firmes e beirarrúas.

Outro itinerario que vén de finalizar é o executado en Navia, na estrada PO-325, que mellora a conexión e os accesos peonís desta parroquia coa Avenida Ricardo Mella. Este tramo, entre a glorieta de intersección da VG-20 coa circunvalación de Vigo, ata o cruce coa rúa Muíños, conta cun ancho de 2 metros e aproveita as beirarrúas preexistentes.

No marco deste plan, tamén está finalizado o itinerario peonil e ciclista na estrada PO-250, no tramo Amoedo – Pazos de Borbén. Trátase dun treito que carecía de beirarrúas, polo que o novo itinerario servirá para conectar o fin do núcleo de Amoedo, onde se atopa a zona empresarial, co inicio do núcleo de Pazos, preto xa da Casa do Concello.

Nos Concellos do Porriño e Mos, está rematada a senda executada na estrada PO-331, en Atín. Acometeuse unha senda peonil e ciclista na marxe esquerda da estrada, entre o Pq. 1+890 e o 2+810, dando continuidade ao itinerario peonil existente dende o núcleo urbano de Porriño ata o inicio da nosa actuación. Ademais, executouse un treito de 200 m de senda peonil e ciclista de acceso ao CEIP Atín, na marxe dereita do final do treito de actuación.

Leer más:  El juicio por la sanción a un hombre que pidió ser atendido en gallego en un ambulatorio en Rianxo se llevará a cabo el 3 de junio

Francisco Menéndez indicou que a Xunta segue avanzando nas obras doutras sendas como as da estrada PO-552, entre Coruxo e Roteas, na Estea e en Priegue, cuxo remate está previsto para finais deste mes de setembro. A actuación, cuns 2.350 metros de lonxitude, divídese en 3 treitos nos Concellos de Vigo e Nigrán.

Salientou que tamén avanzan os traballos do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-340, entre Gondomar e A Ramallosa. Ademais, estase a actuar en tres zonas para habilitar interseccións con posibilidade de cambio de sentido, que permitan calmar o tráfico e facilitar a permeabilidade transversal nos itinerarios peonís.

En relación aos proxectos en tramitación, o itinerario peonil e ciclista na PO-552, no treito de Santa Marta, xa está licitado. Neste tramo existe unha pasarela de madeira que, por mor das condicións meteorolóxicas, ten sufrido danos en diversas ocasións, polo que o obxecto do proxecto é a súa substitución por outra máis ampla, de 4,5 metros de ancho, no que poderán transitar peóns e ciclistas en condicións de seguridade. Cómpre destacar que con esta actuación complétase un sistema de mobilidade sostible, peonil e ciclista, nas estradas da Xunta de Galicia, que de modo continuo une os concellos de Vigo, Nigrán, Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda a través das estradas PO-325, PO-552 e PO-340.

Leer más:  La Xunta inicia la fase de consulta previa para una ley de comunicación audiovisual en Galicia

Por último, a senda proxectada para a estrada PO-411, en Parderrubias, no Concello de Salceda de Caselas, foi sometida a información pública, rematouse a súa redacción e actualmente está en fase de supervisión para a súa execución no ano 2019. 


- Te recomendamos -