Inicio Galicia A Xunta defende a importancia da eficiencia enerxética para a competitividade das...

A Xunta defende a importancia da eficiencia enerxética para a competitividade das empresas

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no X Aniversario de EnergyLab


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Vigo no X Aniversario de EnergyLab, a aposta de Galicia pola eficiencia enerxética como panca da competitividade do tecido empresarial e do benestar das familias.

Para o titular de Economía, calquera medida para impulsar a eficiencia enerxética necesita un marco de acordo estable e que dea garantías. Neste senso, lembrou que a Xunta está executando as Directrices Enerxéticas de Galicia.

Esta planificación conta cun investimento público-privado ata 2020 de máis de 3000 millóns de euros para seguir implantando na Comunidade autónoma enerxías máis renovables como a eólica ou a biomasa, máis mobilidade sustentable a través do coche eléctrico ou o impulso ao gas natural e máis eficiencia enerxética nas administracións públicas e nos fogares con proxectos pioneiros como o Ecobarrio de Ourense.

O acto do décimo aniversario de EnergyLab centrouse na eficiencia enerxética e a sustentabilidade medioambiental como panca de competitividade na empresa. O conselleiro puxo en valor o traballo dun centro tecnolóxico de referencia no Estado e a súa alianza coa industria en materia de eficiencia enerxética e enerxías renovables. Ao respecto, lembrou que EnergyLab participa nas Unidades Mixtas de Investigación que financia a Administración autonómica. Puxo como exemplo a Unidade Mixta que ten en marcha con Naturgy e que ten como obxectivo avanzar na obtención de gas renovable nas EDAR (neste caso na de Bens) para aplicalo ao transporte urbano ou á industria alimentaria.

Leer más:  La Xunta fija un calendario de pasos para desarrollar la Ley del Litoral y vuelve a exigir medios al Gobierno

Conde, ademais, recordou que o centro tecnolóxico colabora co proxecto de desenvolvemento do Ecobarrio de Ourense, facendo os informes para a instalación da rede de xeotermia que percorrerá o barrio da Ponte e que será a primeira de Europa. EnergyLab tamén é o encargado de avaliar as actuacións en 31 edificios e locais públicos e 18 inmobles particulares que se rehabilitarán para mellorar a súa eficiencia enerxética.

Para rematar, o conselleiro incidiu na importancia de contar en materia de eficiencia enerxética cunha planificación clara e precisa contando con todos os axentes implicados, xa que asegurou que este campo é determinante na competitividade do tecido produtivo.  


- Te recomendamos -