Inicio Galicia Un congreso internacional reunirá en Galicia ás mellores rutas culturais, ecolóxicas e...

Un congreso internacional reunirá en Galicia ás mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación dos cinco continentes

0

O modelo de xestión do Camiño de Santiago na Comunidade centrará varios dos relatorios da cita bianual da rede mundial de vías e sendeiros World Trail Network

Representantes das máis importantes rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo participarán o vindeiro mes de setembro en Santiago de Compostela na 7ª edición da World Trails Conference. Trátase do congreso internacional organizado cada dous anos pola rede mundial de camiños e sendeiros World Trails Network, que por vez primeira se celebra en Europa e que afondará na contribución cultural e económica que estes itinerarios conseguen nos distintos destinos turísticos, áreas protexidas e espazos rurais que atravesan.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentou hoxe este simposio que, ademais, fomentará as sinerxías entre os distintos itinerarios do mundo e que se converterá “nunha gran oportunidade para avanzar e compartir impresións sobre o desenvolvemento e preservación do Camiño de Santiago, que se posiciona cada vez máis como referente internacional no seu modelo de xestión”, indicou.

Leer más:  El PSdeG solicita personarse en la causa abierta a Montoro después de que se hicieran públicos los chivatazos judiciales contra Besteiro y Orozco

Neste sentido, o traballo levado a cabo na ruta xacobea en Galicia centrará varios do relatorios deste congreso internacional que se celebrará os días 26, 27, 28 e 29 de setembro. Ademais do Camiño de Santiago, cóntase xa coa presenza confirmada de representantes de itinerarios de máis de 28 países dos cinco continentes.

De Sudáfrica a XapónDesde Asia, participarán os camiños Kumano Kodo -Patrimonio Mundial e irmandando co Camiño de Santiago desde hai 20 anos- e tamén o Camiño Shikoku Henro, co que tamén Galicia mantén férreas alianzas de colaboración. Haberá, ademais, representantes dos Camiños de Jeju Olle, en Corea do Sur, e do Great Himalaya Trails, o trazado máis largo e alto do mundo e que está situado no Nepal.

Tamén se contará coa participación das rutas culturais de longa distancia que están presentes en Taiwan, así como con xestores de itinerarios e sendeiros de Grecia ou Irlanda e de Sudáfrica, con representantes do Rim of Africa Trail, o sendeiro de montaña máis longo dese país. Xunto a eles, haberá unha representación de Sudamérica, con rutas de Costa Rica ou Panamá. Tamén estarán congresistas de Canadá para falar do Bruce Trail, o trazado sinalizado máis antigo e longo de Canadá que permite coñecer a Escarpa do Niágara, Reserva Mundial da Biosfera da Unesco e que presentará a súa experiencia para desenvolver unha actividade sustentable nese territorio.

Leer más:  La incidencia en un tren Alvia en Ourense causó demoras en dos trenes Avant y un desprendimiento está afectando a la línea de Monforte

Tres ‘Viaxes no Camiño’O congreso incluirá diversos relatorios e mesas redondas para afondar, entre outras cuestións, na vinculación dos itinerarios e a protección da natureza, nos beneficios económicos das rutas para as economías rurais, na preservación do patrimonio cultural e nos valores espirituais das rutas xacobeas, así como na importancia do crecemento sustentable en cada unha destas rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación do mundo.

Como explicou Nava Castro durante a presentación, no programa da World Trails Conference haberá, así mesmo, reunións específicas, un pequeno festival de cine e unha feira promocional, na que participarán destacados representantes dos distintos itinerarios do mundo que forman parte da World Trails Network. “O Camiño de Santiago terá unha oportunidade única de conectarse con representantes dos mellores itinerarios do mundo e formar parte da axenda das rutas do mundo que encaran o futuro”, engadiu.

O congreso estará precedido por tres percorridos polas últimas etapas de tres itinerarios xacobeos en Galicia. Trátase de Viaxes no Camiño, nas que os delegados poderán unirse a unha peregrinación de nove días no Camiño Francés, de cinco días no Camiño Inglés e de 10 días no Camiño Portugués. As tres peregrinacións chegarán a Santiago de Compostela como prólogo da inauguración.

Leer más:  La BNG exige a la Xunta y al Gobierno un acuerdo para el pago de ayudas a los mariscadores de la ría de O Burgo

A World Trails Conference é unha actividade aberta ao público en xeral. O prazo de inscrición está aberto na páxina web especialmente habilitada: santiagoworldtrails2018.com.

Liderato do coñecemento e sustentabilidadeCon iniciativas como esta, Turismo de Galicia continúa afondando nas liñas de traballo ás que dá gran prioridade e que están enmarcadas no Plan director do Camiño de Santiago e na Estratexia de turismo de Galicia 2020. Refórzase a importancia de liderar o coñecemento, da sustentabilidade no Camiño de Santiago, no turismo responsable e o intercambio cultural. Avánzase así de xeito constante para que a ruta xacobea continúe a manter a súa esencia e vitalidade como un dos motores socioeconómicos da Comunidade galega.


- Te recomendamos -