Inicio Galicia Román Rodríguez apela a protexer, conservar e difundir entre todos o patrimonio...

Román Rodríguez apela a protexer, conservar e difundir entre todos o patrimonio cultural galego

0

O conselleiro de Cultura participou na inauguración da 37ª reunión de asociacións e xestores culturais organizada por Hispania Nostra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, apelou a protexer, conservar e difundir o patrimonio cultural galego entre toda a sociedade, tendo en conta que “a activación patrimonial é un factor clave no desenvolvemento socioeconómico dun país”. Así o lembrou con motivo da inauguración da 37ª reunión de asociacións e xestores culturais para a defensa do patrimonio cultural e natural, organizada por Hispania Nostra. Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia lembrou as accións postas en marcha pola Consellería para protexer e difundir este patrimonio, como é o programa de rehabilitación, restauración e valoración dos bens de interese cultural nos diferentes Camiños de Santiago. Así mesmo, tamén recordou as iniciativas desenvoltas no ámbito educativo, tales como o programa de educación patrimonial no marco do Plan Proxecta ou a materia de libre configuración autonómica Patrimonio artístico e cultural de Galicia; dúas accións nas que o curso pasado participaron preto de 1.700 alumnos e alumnas. A maiores, cómpre destacar que este curso 2018/19 o Sistema Universitario de Galicia (SUG) oferta o primeiro grao interuniversitario do sistema, o de Paisaxe, impartido en conxunto entre a Universidade de Santiago e a da Coruña. E dentro deste ámbito, a comunidade universitaria contará cun Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC), que se localizará no futuro Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Será o primeiro centro de investigación do SUG vinculado coas humanidades e as ciencias sociais. Estratexia do turismo de Galicia 2020 Pola súa banda, e nunha conferencia posterior á inauguración, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a aposta da Xunta por un correcto enfoque turístico do patrimonio cultural a través da Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento que traballa pola autenticidade e sustentabilidade do destino. Nesa liña enmárcase a gobernanza, xestión e promoción do Camiño de Santiago e doutras rutas que o Goberno vén impulsando. “O turismo é un sector aliado do patrimonio cultural, pois é unha actividade que propicia que podamos gozar del e, ao mesmo tempo, protexelo”, sinalou Nava Castro durante o relatorio titulado Camiños e rutas culturais en Galicia, conservación, difusión e promoción xunto á directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez Insua, onde lembrou que o turismo cultural contribúe a reducir a estacionalidade e a levar visitantes a todo o territorio.

Leer más:  La Xunta afirma que su nueva estructura "muestra" su "compromiso incondicional y cada vez más sólido" con la igualdad

- Te recomendamos -