Inicio Galicia Ovidio Rodeiro visitou os campos de traballo de Boqueixón e Rois, nos...

Ovidio Rodeiro visitou os campos de traballo de Boqueixón e Rois, nos que participan 38 mozos e mozas de 6 nacionalidades

0

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña destacou que os campos de traballo “contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo”


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos mozos e mozas que están a participar nos campos de traballo de Boqueixón e de Rois, que se enmarcan na Campaña de Verán da Consellería de Política Social.

No campo de traballo de Boqueixón un total de 25 mozos e mozas desenvolven na parroquia de Ponteledesma un proxecto que ten como obxectivo fundamental realizar traballos de mellora no contorno da ponte vella desta localidade. Os voluntarios están limpando de maleza a ponte e proxectando a historia do lugar mediante sinalización en madeira. Ademais, tamén están a realizar unha investigación sobre a batalla de Ponteledesma na Guerra da Independencia.

Ademais deste programa de traballo, os mozos e mozas tamén contan con actividades de dinamización coa mocidade de Boqueixón, kaiak no Río Ulla, obradoiros de xogos tradicionais e visita a lugares como Santiago ou a Costa da Morte. Os voluntarios deste campo, que ten lugar do 1 ao 12 de agosto, proceden de Francia, Italia, México, Serbia e das comunidades autónomas de Galicia, País Vasco, Asturias, Cantabria, Valencia, Canarias, A Rioxa, Madrid e Castela León.

Leer más:  Un carril de la A-6 en sentido a Lugo ha sido cortado debido al vuelco de un camión en Carballedo

En canto ao campo de traballo de Rois, que se desenvolve tamén entre o 1 e o 12 deste mes, participan 13 mozos e mozas de México, Rusia, Cataluña, Andalucía, Madrid, Murcia, Navarra e Castela León. Durante este tempo, os voluntarios realizarán tarefas de escavación, prácticas de limpado, siglado e debuxo arqueolóxico do castro de Socastro. Os participantes tamén poderán realizar actividades complementarias, como obradoiros de artesanía, de cerámica e de música galega, xogos populares de multiaventura e visitar Padrón, Santiago de Compostela ou Porto de Son.

O Castro de Socastro está configurado por un recinto principal de planta oval cunhas dimensións de 125 por 85 metros, delimitado por un parapeto de terreo que apenas sobresae 1 metro desde a superficie interior e que cae entre 3 a 5 metros ao exterior. Este castro é visible dende todas as montañas que rodean a conca fluvial do río Valeirón, polo que os arqueólogos que dirixen a escavación pensan que este centro sería a acrópole máis importante da comarca.

Ovidio Rodeiro destacou que os campos de traballo “contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo”. Así mesmo, o delegado territorial tamén sinalou que estas actividades “fomentan a mobilidade, pois ofrece aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutros países”.

Leer más:  El gasto de los organismos instrumentales de la Xunta aumenta un 6% en 2022, alcanzando los 2.262 millones

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel. 

Leer más:  Rueda insiste en que Puente debe pedir disculpas como mínimo por sus palabras fuera de lugar sobre Milei

- Te recomendamos -