Inicio Galicia O Sergas aposta por optimizar o modelo actual de atención pediátrica

O Sergas aposta por optimizar o modelo actual de atención pediátrica

0

O modelo implantado en período vacacional consiste na agrupación nun centro de saúde dos pediatras dispoñibles, para dar unha cobertura aos pacientes dos concellos limítrofes

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, manifestou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o seu departamento considera necesario un novo modelo de atención pediátrica para o período vacacional que permita afianzar o modelo de atención primaria ás nenas e nenos a través de pediatras. “E o queremos facer por medio deste novo modelo de pediatría, que ten como obxectivo garantir, de forma permanente e estable, a atención pediátrica nos centros de referencia que cubrirán zonas xeográficas máis amplas”, -defendeu Almuiña-.

Este novo modelo consiste, -dixo Almuiña-, “na agrupación nun centro de saúde dos pediatras dispoñibles para dar unha cobertura aos pacientes dos concellos limítrofes, con mínimos desprazamentos para os pacientes (media de 15 minutos, -sinalou o conselleiro-). Segundo o responsable do Sergas, “a maioría destes centros de referencia de atención pediátrica en centros de saúde de atención primaria contarán cun mínimo de dous pediatras que garantan a asistencia de luns a venres”.

Coa nova organización, “conformaranse equipos multidisciplinares, cun mínimo de dous profesionais especializados en pediatría coa presenza, por primeira vez, de enfermería especialista de pediatría con dedicación exclusiva”, -destacou Almuiña-.

Segundo o conselleiro, “os pediatras itinerantes que prestan asistencia discontinua en localidades diferentes incorporaranse a estes novos equipos estables de luns a venres. No caso de dificultades para desprazarse ás novas ubicacións, os pacientes sempre poderán optar por seren atendidos no seu centro de saúde habitual polo seu médico de familia”.

Almuiña incidiu en que esta nova reorganización foi consensuada coas sociedades científicas de pediatría de Galicia.

Tamén recordou o conselleiro as medidas que está a levar a cabo o seu departamento para poder dispoñer de máis pediatras. Así, ampliouse a posibilidade de xubilación ata os 68 anos, e estase a promover a captación de profesionais fóra de Galicia. Xunto con todo o anterior, dende a Xunta solicitouse ao Ministerio de Sanidade que aumente o número de profesionais que permite formar, “posto que, na nosa comunidade, fórmanse cada ano o máximo número de especialistas posible coas 20 prazas acreditadas existentes e, aínda así, non hai especialistas dispoñibles nas listas de contratación”.

Vantaxes para pacientes e profesionaisNa súa intervención na Cámara galega, o titular da carteira sanitaria subliñou que este novo modelo organizativo ten vantaxes tanto para os pacientes como para os profesionais. Así, respecto dos pacientes, supón o acceso á atención pediátrica especializada en centros de saúde todos os días da semana con horarios máis amplos, garantindo, deste xeito, a continuidade asistencial. Supón, ademais, unha atención a través dun equipo especializado en atención pediatría composto por profesionais de pediatría e enfermería, que posibilitará mellorar as revisions do programa do neno san, e favorecerá a vacinación así como as actividades de promoción da saúde e atención aos nenos con enfermidades crónicas.

Xunto con todo o anterior, co novo modelo organizativo diminúese a necesidade do uso das urxencias hospitalarias e dos puntos de atención continuada, e durante os períodos vacacionais as nais e os pais sempre saberán onde están as consultas dos pediatras, independentemente do día da semana.

Respecto das vantaxes para os profesionais, este novo modelo organizativo permite, -dixo Almuiña-, un mellor seguimento dos pacientes, e posibilita unha unificación de criterios na atención de procesos agudos e crónicos; así como unha conformación de equipos multidisciplinares de profesionais especializados en pediatría.

O responsable do Sergas lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior taxa de cobertura pediátrica, cercana ao 90%, e incidiu en que, noutras comunidades autónomas, case a metade dos nenos non teñen pediatra e son atendidos polo facultativo de familia. “En Galicia cremos no actual modelo de atención pediátrica especializada nos centros de saúde para os nenos e nenas e así o demostra esa porcentaxe próxima ao 90%”.

No hay comentarios