Inicio Galicia O consorcio Casco Vello de Vigo pecha a súa maior operación de...

O consorcio Casco Vello de Vigo pecha a súa maior operación de compra neste 2018 coa adquisición de Ribeira do Berbés 29

0

O presidente do CCVV e delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, informou desta nova inversión por un importe de 445.000 euros para a construción de 7 vivendas


O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) vén de dar o visto e prace a súa maior operación de compra neste 2018. Así o informou o presidente do ente rehabilitador e delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, tras a celebración do Comité Executivo celebrado hoxe e no que se acordou a adquisición por un importe de 445.000 euros de Ribeira do Berbés 29.

Este solar correspondente a tres inmobles (Ribeira do Berbés 29-31 e Poboadores 40) que se atopaban xa agrupados por compras sucesivas de propietarios anteriores, conta cunha superficie de 184,88 metros cadrados, o que permitirá acometer a construción dous locais comerciais e un significativo número de vivendas de protección pública –ata sete segundo os primeiros avances do proxecto de rehabilitación-, con superficies próximas aos 90 metros cadrados.

O mal estado das edificacións orixinais forzará a súa derruba. De feito, na actualidade tan só mantense en pé, polo seu valor histórico, o típico soportal da casa mariñeira da fachada que se abre cara á praza do Berbés. Ao estar ambos os solares situados un a costas doutro e existir unha notable cota de desnivel, xérase unha importante volumetría que permitirá alcanzar unha superficie construíble de 809 metros cadrados, dos que 694 destinaranse a vivendas e 115 a actividades comerciais.

De acordo coas condicións que rexen calquera tipo de actuación no ámbito do Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello de Vigo, a futura intervención deberá, en consecuencia, adaptarse á tipoloxía de vivenda propia da zona, máxime tendo en conta que a fachada orientada cara ao Berbés ten a consideración de interese histórico alto e interese urbanístico moi alto, polo que se buscará a recuperación da imaxe orixinal do edificio a rehabilitar.

Tal e como sinalou o presidente do CCVV a recuperación da fachada marítima do barrio histórico concentra agora o maior esforzo inversor do organismo, e esta última adquisición eleva a oito as edificacións en propiedade do Consorcio xunto a Berbés 11,13 e 15, cedidos á Universidade de Vigo para a construción da súa sede; Berbés 5, en réxime de cesión á Axencia Galega de Turismo para a súa conversión en albergue de peregrinos, e Berbés 7 e 41.

Proxectos aprobadosPrecisamente, respecto á Ribeira do Berbés 41 o Comité Executivo acordou iniciar o proceso de adxudicación desta propiedade, que sae a concurso por importe de 235.000 euros, e Abeleira Menéndez 16 por 210.000 euros. “Dous operacións que suman preto do millón de euros”, destacou o delegado.

A recuperación de Ribeira do Berbés 41 (con fachada tamén á rúa San Francisco) contempla a construción de dúas novas vivendas unifamiliares tipo dúplex, ambas con dous dormitorios e con superficies de 70 e 80 metros cadrados respectivamente. En canto a Abeleira Menéndez 16 o proxecto recolle un local comercial na planta baixa e unha vivenda de 101 metros cadrados útiles con dous dormitorios, distribuída nas dúas plantas superiores. En ambos os dous casos o inicio das obras está previsto para 2019 e contarán cun prazo de execución de doce meses.

O representante autonómico aproveitou unha vez máis para reclamarlle ao Concello de Vigo a activación da vía da expropiación, pendente desde maio de 2017. López-Chaves matizou que esta alternativa é unicamente aplicable nos inmobles que se atopan no marco do Plan de Actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo e que abranguen a zona alta. Segundo cifrou, “estaríamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 e 11, “nas que doutro xeito non poderíamos actuar” dixo.

Ao fío, o delegado territorial lamentou que o organismo rehabilitador non poda seguir comprando inmobles co remanente de 6 millóns de euros do que dispón e advertiu dunha futura parálise da actividade do ente se o Concello non firma o seu acordo. “O Consorcio non ten capacidade expropiadora, pero a Administración local si e, de non aplicala, sería responsable da paralización da actividade”, concluíu.

BalanceO Consorcio Casco Vello de Vigo, participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello, continúa así coa recuperación da fachada marítima do barrio histórico, en cumprimento do plan de actuación. Ata o momento actual, o CCVV leva adquiridos 80 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e cinco están en execución. Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 92 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre