Inicio Galicia O conselleiro de Educación e o alcalde de Sanxenxo asinan o convenio...

O conselleiro de Educación e o alcalde de Sanxenxo asinan o convenio de posta a disposición dos terreos do novo CEIP de Vilalonga

0

Cun investimento de máis de 4 millóns de euros o novo colexio terá capacidade para un total de 450 alumnos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron hoxe un convenio a través do cal o Concello pon a disposición da Consellería os terreos para a construción do novo CEIP de Vilalonga, na zona do Revel. Tras este trámite, o departamento educativo da Xunta de Galicia licitará nas vindeiras semanas o proxecto do novo colexio. Segundo explicou o conselleiro, a previsión coa que traballa a Consellería é licitar e comezar a obra no segundo trimestre de 2019 co fin de que o centro entre en funcionamento ao longo do curso 2020/21.

A través do convenio asinado hoxe o Concello pon a disposición da Consellería dúas parcelas, que suman en total preto de 15.000 metros cadrados nos que, ademais do propio edificio do colexio –dotado de ximnasio– se ubicarán dúas pistas cubertas.

A Consellería prevé un investimento de arredor de 4,1 millóns de euros neste novo CEIP, que será de liña 2 e terá capacidade para 450 alumnos, suficientes para dar resposta ás necesidades educativas deste municipio pontevedrés.

Leer más:  La Diputación de Pontevedra rechaza a Sánchez en una sesión en la que el PSOE abandonó acusando al PP de ser "peones de Feijóo"

Ademais da construción desta nova infraestrutura escolar, Román Rodríguez lembrou que este mesmo ano se levará acabo a reparación da cuberta do CEIP de Noalla-Telleiro, á que se destinan 60.500 euros, e a reforma da instalación eléctrica do CEIP A Florida, cun orzamento de preto de 43.000 euros.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que o seu departamento leva investidos máis de un millón de euros nos últimos anos na mellora das infraestruturas educativas no Concello de Sanxenxo, entre as que destaca o ano pasado a construción da soleira para a pista polideportiva do CEIP A Florida (cun orzamento de preto de 50.000 euros) ou a reparación do pavillón do IES de Sanxenxo (con mais de 31.000 euros). 


- Te recomendamos -