Inicio Galicia Galicia rexistra 108.656 doazóns de sangue en 2017 e mantén a taxa...

Galicia rexistra 108.656 doazóns de sangue en 2017 e mantén a taxa de doazón recomendada pola OMS por 18º ano consecutivo

0

Padrón, Meira, Pobra de Trives e A Guarda sitúanse como os concellos con maior índice de participación en cada unha das catro provincias galegas, respectivamente

As 108.656 doazóns de sangue rexistradas en Galicia no pasado 2017, supuxeron que a nosa Comunidade Autónoma, acadase por 18º ano consecutivo, as taxas de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así o salientaron o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García. Na presentación dos datos tamén participou María Adelantado Pérez, xefa de área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS.

Marisa López García indicou que a taxa de doazón de sangue mantívose dentro dos índices recomendados pola OMS e por riba de media de doazón estatal, situándose nas 40 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Factores sociodemográficosA directora de ADOS salientou que factores sociodemográficos como o envellecemento da poboación galega nos últimos anos, o crecemento negativo e a dispersión da poboación (Galicia posúe o 55% dos núcleos poboacionais existentes en toda España), son algúns dos factores que dificultan a organización das campañas de doazón.

Non obstante, a directora de ADOS apelou á probada solidariedade da cidadanía galega para superar estes obstáculos e incentivar a participación dos cidadáns, lembrando que a súa colaboración é vital para que miles de doentes reciban a transfusión dos compoñentes sanguíneos que se obteñen da doazón.

Leer más:  La compraventa de viviendas en Galicia crece 38,4% en febrero, seis veces más que la media nacional

Participación por concellosDesde ADOS, salientouse o elevado nivel de compromiso e colaboración brindada desde todos os concellos para posibilitar as campañas de doazón. Neste sentido, destacou que 77 municipios acadaron no 2017 os índices recomendados pola OMS, sendo Padrón o concello de maior participación de Galicia, con 105 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Pola provincia de Lugo, Meira situouse como o concello con maior taxa de doazón cun índice de 49/1.000; na provincia de Ourense, Pobra de Trives acadou unha taxa de 69/1.000 e na provincia de Pontevedra, o concello de maior participación foi A Guarda con 82 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Formación e sensibilizaciónMarisa López remarcou que se está a realizar un especial esforzo no desenvolvemento de iniciativas que potencien a creación dunha conciencia solidaria proclive á doazón no eido educativo. Neste sentido, puxo en valor o desenvolvemento da primeira iniciativa de Aprendizaxe e Servizo desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Información.

Así mesmo, a directora da Axencia salientou que se está a potenciar o programa de visitas educativas ata as instalacións de ADOS como xeito de achegar o labor que desenvolve este organismo ao alumnado de todos os niveis educativos, especialmente de ensino secundario e universitario. Deste xeito, no pasado 2017, 19 centros procedentes das catro provincias galegas e 611 estudantes achegáronse á realidade do día a día do traballo desenvolvido pola Axencia.

Leer más:  Juan Carlos I deja Sanxenxo en su segundo viaje de este año, sin salir a navegar ni recibir visitas familiares

A directora de ADOS subliñou, así mesmo, a colaboración que está a xurdir desde o mundo do deporte galego, especialmente do fútbol e do baloncesto. Neste sentido, lembrou a colaboración brindada no 2017 por equipos de baloncesto das ligas de ouro e prata da competición nacional como o Obradoiro CAB, o CB Breogán ou o Basquet Coruña.

Obxectivos 2018Marisa López García citou como obxectivos para o presente ano, incrementar o número e a actual taxa de doazón, para que se manteña dentro dos parámetros recomendados pola OMS. Así mesmo, lembrou a necesidade de continuar traballando a prol da mellora na atención á cidadanía; mediante a renovación dos locais de doazón como o de Pontevedra que abriu as súas portas o pasado ano, ou o recentemente inaugurado no Hospital Clínico de Santiago, así como a próxima renovación de dúas unidades móbiles de doazón de sangue.

Así mesmo, anunciouse que o vindeiro 14 de xuño, co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue, ADOS desenvolverá un acto especial de recoñecemento de todos os colectivos e cidadáns que teñen colaborado nos últimos 25 anos no desenvolvemento das campañas de doazón. A directora da Axencia lembrou que este ano cúmprese un cuarto de século desde o inicio das campañas de doazón de sangue altruísta en unidades móbiles en Galicia, circunstancia que permitiu que a nosa Comunidade Autónoma pasase de ocupar o derradeiro posto en índice de doazón, a situarse entre as comunidades máis solidarias a nivel estatal.

Leer más:  Galicia se encuentra en plena preparación para lanzar el corredor ecoturístico más grande de Europa en el norte de la península

AgradecementoA directora de ADOS manifestou o seu recoñecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e salientou o papel dos medios de comunicación na distribución de información vencellada con este xesto solidario.

Tanto a Consellería de Sanidade como a Dirección de ADOS tiveron verbas de agradecemento para todos os cidadáns que colaboraron doando sangue, ao longo do 2017, e lembraron que, ata o momento, en Galicia tan só doan 4 de cada 100 cidadáns, polo que continuarán desenvolvéndose campañas para incentivar e incrementar a participación dos galegos e galegas. Neste sentido, lembraron que a doazón de sangue precisa dun compromiso e colaboración constantes polo que, no ano 2018, continuarán apelando á solidariedade dos cidadáns para manter a taxa de doazón dentro das recomendacións da OMS.


- Te recomendamos -