Inicio Galicia A Xunta destaca o papel indispensable dos GES no sistema de atención...

A Xunta destaca o papel indispensable dos GES no sistema de atención ás emerxencias

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, valorou hoxe no Parlamento galego o acordo acadado entre Xunta, Fegamp e deputacións para o mantemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe nunha resposta parlamentaria o papel indispensable que desempeñan os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) na atención profesional das emerxencias en Galicia e puxo en valor que a Xunta, a Fegamp e as deputacións provinciais veñan de conseguir un acordo para o seu mantemento e mellora.

Esta mesma semana asinouse o novo convenio de colaboración, logo de manter un diálogo fluído entre todas as partes. Segundo este acordo, de carácter trienal, delimítanse as funcións destes grupos de intervención para que estean especializados en tarefas de prevención, atención ás emerxencias e de colaboración coa protección civil.

Ademais, acordouse, en materia de financiamento, que a Xunta achegará 13,7 millóns de euros para o financiamento dos GES -cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)-, o que se traduce nun 52,5% do total. Cómpre recordar que nos últimos catro anos a Administración autonómica, ademais de colaborar no financiamento corrente destes grupos, investiu uns 2,8 millóns de euros para dotar aos GES de material, aos que se sumarán a principios de ano outros 800.000 euros máis en material. A Xunta tamén asumiu o custo de toda a súa formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Leer más:  Dos personas fueron liberadas después de que su coche volcara en la AP-9, en O Burgo, Culleredo (A Coruña)

A Xunta vén mantendo nos últimos anos este firme compromiso cos GES, servizos competencia de concellos e deputacións, porque os considera esenciais para o sistema de emerxencias e, nomeadamente, para completar o mapa naquelas áreas rurais onde o nivel de risco e a estatística non xustifica a apertura dun parque de bombeiros -que tamén son cofinanciados pola Xunta a través dos consorcios provinciais-.

Actualmente, hai en Galicia 27 GES operativos, que poderán ser ampliados a 4 máis, se así se decide na vindeira reunión da Comisión de Seguimento. Os GES desenvolven actuacións tan fundamentais como as relativas á prevención dos incendios nos montes galegos, incendios urbanos; prácticas preventivas nos terreos forestais, camiños e espazos públicos para previr incendios; intervencións en situacións de risco e de emerxencia para manter a rede de estradas ou en situacións derivadas de riscos naturais. Os GES tamén poden manter colaboracións con protección civil ante calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou o medio ambiente.


- Te recomendamos -