Inicio Galicia A Xunta incrementa nun 7,5% as horas do servizo de axuda no...

A Xunta incrementa nun 7,5% as horas do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes en Lugo e inclúe unha nova prestación

0

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que se crea o Bono Autonomía en Residencia, unha axuda directa para persoas que estean á espera de acceder a unha praza nun centro público


A Consellería de Política Social vén de impulsar un plan de apoio á dependencia que supón incrementar nun 7,5% as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia na provincia de Lugo e a creación dunha nova prestación, o Bono Autonomía en Residencia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe en rolda de prensa que a Consellería ten previsto volver a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos lucenses cun incremento de preto de 134.000 horas anuais do que se beneficiarán todas as comarcas.

Balseiro lembrou que actualmente a Consellería sufraga na provincia 1.795.980 horas ao ano, que dan atención a preto de 4.000 usuarios (3.743 contabilizados no segundo trimestre do ano) e significan un investimento de 13,2 millóns de euros (13.227.900 euros o pasado ano). Con este aumento, a Xunta financiará en Lugo preto de 2 millón de horas de prestación anuais (1.929.807).

A distribución de máis horas entre os concellos terá efectos inmediatos. A previsión da Xunta é que este verán se alcance a execución total das horas, é dicir, que estean asignadas a algún beneficiario.

Leer más:  Lalín contará con una nueva ambulancia de soporte avanzado de enfermería a principios del verano

O delegado territorial afirmou que o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia, o máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda así como polas súas familias coidadoras, e representa máis do 32% das prestacións totais do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD).

A aposta da Consellería de Política Social por este tipo de servizos para as persoas dependentes é clara e decidida e, por iso, leva xa nove anos incrementando a prestación do SAF en toda Galicia.

Ademais, desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos. O aumento no orzamento e na tramitación destas prestacións permitiu o incremento do número de persoas beneficiarias, xunto coa axilidade na asignación do servizo.

Balseiro sinalou que o obxectivo do Goberno galego é superar as 60.000 persoas con atención antes de que remate o presente ano no conxunto da comunidade, “unha cifra nunca antes acadada”. Este reto, avanzou, terá aparellado un investimento de 21 millóns de euros e “suporá adiantar dous anos un obxectivo que inicialmente se fixou para toda a lexislatura”. En concreto, a partir do vindeiro mes de setembro incorporaranse de maneira progresiva en Galicia 4.000 novas persoas como beneficiarias dos recursos públicos de prevención e coidado da dependencia.

Leer más:  Un hombre inmerso en un proceso de desahucio fue trasladado de urgencia al hospital tras precipitarse desde un cuarto piso en Vigo

Nova prestaciónO Bono Autonomía en Residencia consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública. Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público. Os beneficiarios recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función do grao de dependencia recoñecido e da súa capacidade económica.

Esta iniciativa vén a reforzar outras propostas da Xunta neste campo, como o Plan ‘Como na casa’, que contempla a posta a disposición das persoas maiores de novas prazas residenciais a través da construción de 7 novas residencias nas 7 grandes cidades de Galicia; e o Plan ‘Na casa’ que está a posibilitar axuda a aquelas persoas dependentes que, por vontade propia, deciden permanecer nos seus domicilios ou na súa contorna familiar a través do reforzo de programas como o SAF, a teleasistencia ou o servizo de ‘Xantar na casa’.

Leer más:  Se ordena cárcel para seis de los arrestados en la operación contra el tráfico de drogas en Pontevedra y Madrid

Nesta liña, Balseiro fixo fincapé no notable impulso na atención á dependencia que rexistra Galicia nos últimos anos. Así, a comunidade pasou de 40.173 persoas con servizo e unha ratio de cobertura do 61,5% en outubro de 2015 aos actuais 57.058 e 84,75% de porcentaxe de atención que sitúan a Galicia cinco puntos por riba da media do conxunto de España, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social correspondente ao pasado mes de xuño. Isto significa que en menos de tres anos Galicia sumou 16.865 novos dependentes con atención e incrementou a cobertura das prestacións en máis dun 23%.

Este reforzo da atención aos maiores é posible debido ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos nove anos, nos que se pasou de 276 millóns de euros en 2009 a 414 no presente exercicio de 2019. Así mesmo, engadiu que no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%.


- Te recomendamos -