Inicio Galicia Xunta, sector e universidade ármanse de argumentos sólidos na defensa dos intereses...

Xunta, sector e universidade ármanse de argumentos sólidos na defensa dos intereses dos gandeiros, agricultores e silvicultores de cara á futura PAC

0

José González destacou que Galicia vai por diante unha vez máis e, no marco deste grupo multidisciplinar, está a traballar no Plan Estratéxico de Galicia para a PAC 2021-2027, para aportalo ao Ministerio de cara á confección do plan estratéxico estatal

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu hoxe no Pazo de Quián á primeira reunión do grupo de traballo da PAC, constituído pola Xunta con expertos na materia para defender estas axudas vitais para os gandeiros, agricultores e silvicultores galegos. No grupo están presentes distintos departamentos do Goberno galego, ademais dos representantes do sector agrario e da Universidade. De feito, dixo o conselleiro, “20 persoas da Universidade levan traballando dende xuño pasado” para garantir estas achegas europeas. Galicia atópase nun momento decisivo para a negociación da futura PAC, dixo o conselleiro, polo que cómpre fortalecer a postura que levará o Goberno central a Bruxelas. Neste sentido, o titular de Medio Rural destacou que, unha vez máis, a nosa comunidade vai por diante e, no marco deste grupo multidisciplinar, a Xunta estase a fornecer de argumentos técnicos e políticos sólidos e de peso co afán de velar polo noso agro nas instancias europeas. Cos argumentos xurdidos deste grupo de traballo, a Xunta elaborará o Plan Estratéxico de Galicia para a PAC 2021-2027, para aportalo ao Ministerio de cara á confección do plan estratéxico estatal.

O conselleiro trasladou que se realiza este traballo despois de ter acadado xa unha postura conxunta co sector galego e coas demais autonomías da cornixa cantábrica. Neste sentido, adiantou que tamén se convocará o consello agrario, o consello forestal e o comité de seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural para que poidan facer tamén as súas aportacións.

Neste sentido, José González insistiu na lealdade ao Ministerio pero sempre poñendo por diante a defensa das características propias da nosa agricultura, gandaría e silvicultura. Nesta liña, a Xunta aposta por buscar un equilibrio entre unha PAC común a nivel da Unión Europea e o recoñecemento das peculiaridades de cada territorio.

Nesta dirección, a Xunta avoga por unha PAC cunha orientación gandeira e que contemple o pequeno tamaño das explotacións que predominan en Galicia. Tamén considera que se debe ter en conta que moitas unidades produtivas están enclavadas en zonas de montaña ou con limitacións naturais, que condicionan a súa produtividade e rendibilidade.

O conselleiro tamén defendeu un reforzo das políticas orientadas á remuda xeracional e á igualdade entre homes e mulleres no medio rural. A maiores, apuntou que as axudas directas da PAC deben destinarse aos agricultores xenuínos, é dicir, profesionais, sen excluír totalmente a aqueles que se dedican á actividade agraria de forma parcial. Tamén sinalou que se deben manter as axudas asociadas a sectores produtivos como a gandaría de leite ou de carne.

José González destacou que dende Galicia se seguirá defendendo baixar o tope máximo de axuda por explotación ata os 60.000 euros, co obxectivo de beneficiar ás pequenas explotacións. Tamén que os pagos redistributivos da PAC sexan obrigatorios e non de aplicación voluntaria, para permitir que se redistribúan os pagos a nivel nacional dende as grandes explotacións ás pequenas, para garantir a súa supervivencia e estabilidade.

Canto ao pacto verde europeo, o conselleiro salientou a sustentabilidade ambiental como primordial para garantir o futuro dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos. Con todo, demandou a transitoriedade suficiente para poder adaptarse a ese pacto dun xeito ordenado. É dicir, que se teña en conta o esforzo que xa fan os nosos axentes do rural a prol do medio ambiente, de forma que a necesaria produción de alimentos sans e seguros siga sendo compatible coa Europa Verde. Neste sentido, a Xunta considera que debe haber fondos da PAC para este cometido, xa que os gandeiros, agricultores e silvicultores galegos son os máis comprometidos coa sustentabilidade e co respecto ao medio ambiente.

Máis aló dos requirimentos firmes de Galicia, José González quixo insistir na súa chamada á calma e á cautela en canto á posible perda de fondos. Neste aspecto, trasladou que aínda estamos en plena negociación da PAC e que, polo tanto, sería prematuro aventurar o alcance de posibles recortes que, indubidablemente, serían unha mala nova para Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre