Inicio Galicia Xunta, Obradoiro CAB e Ecoembes colaboran para impulsar a recollida selectiva entre...

Xunta, Obradoiro CAB e Ecoembes colaboran para impulsar a recollida selectiva entre os seus socios e afeccionados

0

En virtude desta iniciativa de reciclaxe, o club de baloncesto disporá de 15.000 euros para a realización de accións a pé de rúa, charlas divulgativas e talleres dinámicos, entre outras actuacións, co obxectivo común de educar e sensibilizar á cidadanía en materia de reciclaxe

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xunto co Obradoiro Clube de Amigos do Baloncesto (CAB) e a organización sen ánimo de lucro Ecoembes, continuará a desenvolver ao longo deste ano unha serie de accións dinámicas, de comunicación e de carácter divulgativo para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón entre os seus socios e afeccionados.

Esta liña de colaboración co club compostelán enmárcase no convenio marco subscrito entre a Xunta e Ecoembes no que se fixan os compromisos e obrigas que rexerán para ambos ata o ano 2021 en relación á recollida selectiva deste tipo de residuos. O obxectivo común das accións a desenvolver é contribuír ao impulso da economía circular no conxunto da comunidade e, neste caso concreto, no eido deportivo da alta competición.

Neste sentido, desde o ano 2017 véñense realizando varias iniciativas destinadas a promover a separación de envases lixeiros, papel e cartón en clubs e instalacións vencelladas a distintas disciplinas deportivas en Galicia. En total, esta liña de actuación conta cun orzamento de 200.000 euros, financiado con cargo ao convenio marco Xunta-Ecoembes. Concretamente, no caso do Obradoiro CAB a partida asignada ascende a 15.000 euros, que poderá destinar á realización de accións educativas coas categorías inferiores do club, formación para os seus empregados, xogos de reciclaxe ou actuacións para fomentar a recollida selectiva durante os partidos.

Ademais do Obradoiro CAB, tamén o Real Club Deportivo, o Liceo Hockey Coruña, o Santiago Futsal, o Basquet Coruña e o Real Club Celta de Vigo están adheridos a esta iniciativa, que busca a promoción da recollida selectiva no interior das súas dependencias e contribuír á vez á concienciación sobre o coidado do medio ambiente dos afeccionados que as visitan e utilizan habitualmente.

Reciclaxe de envases en GaliciaEn virtude do acordo entre o Obradoiro, Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente, as entidades promotoras comprométense a traballar en conxunto para seguir incrementando as cantidades de envases, papel e cartón recuperadas en Galicia. Máis concretamente, prevese a realización de actividades a pé de rúa e talleres dinámicos dirixidos aos espectadores e afeccionados do club de básquet compostelán.

O Obradoiro CAB, ao igual que o resto de clubs colaboradores, amosa deste xeito o seu compromiso co medio ambiente, a sustentabilidade e a reciclaxe, proxectando entre os seus afeccionados valores que van máis alá do plano estritamente deportivo e que benefician ao conxunto da sociedade.

Paralelamente, esta colaboración entre Xunta, Ecoembes e entidades deportivas como o CD Obradoiro permitirá tamén seguir avanzando no obxectivo de incrementar as actuais ratios de recuperación dos residuos de envases domésticos na comunidade, un hábito cada vez máis instaurado nos fogares galegos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre