Inicio Galicia Xunta e Vilariño de Conso estudarán a posibilidade de dotar ao Parque...

Xunta e Vilariño de Conso estudarán a posibilidade de dotar ao Parque do Invernadeiro dun novo acceso desde o Concello

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe coa rexedora Melisa Macía para analizar varios asuntos de interese municipal


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Vilariño de Conso analizarán as posibilidades de colaborar co fin de dotar ao Parque Natural do Invernadeiro dun acceso que permita conectar de forma directa o núcleo municipal con este espazo natural. Así o acordaron esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Melisa Macía no transcurso dunha reunión telemática para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

A demanda do Concello de Vilariño, tal e como expuxo a rexedora, pretende resolver a falta actual de acceso directo desde o municipio ao parque natural, que discorre integramente por este concello. Habilitando unha pista que permita conectar ambos puntos e mesmo no futuro unha senda peonil, explicou, resolveríase esta carencia e contribuiría a abrir o parque aos veciños de Vilariño de Conso e do resto da comarca.

Conselleira e alcaldesa coincidiron en subliñar a importancia do Invernadeiro para o municipio e a súa contorna, tanto polo seu valor e riqueza patrimoniais como polo reclamo que supón desde o punto de vista turístico para visitantes e amantes do sendeirismo.

Así mesmo, a rexedora tamén incidiu na necesidade de aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para reforzar o potencial do parque neste sentido, polo que lle propuxo á conselleira a posibilidade de analizar conxuntamente como promover o uso de ferramentas tecnolóxicas para dar a coñecer O Invernadeiro entre o público en xeral.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente animou ao Concello de Vilariño a seguir explorando diferentes vías para promocionar e atraer máis visitantes ao parque, e ratificou o compromiso do seu departamento coa posta en valor dun espazo que, ao igual que o resto de zonas protexidas da Comunidade, forma parte do patrimonio natural que conforma a chamada Galicia verde.

Neste sentido, cómpre lembrar que na última década, a Consellería investiu no Parque Natural do Invernadeiro un total de 1,35 millóns de euros en diferentes tipos de actuacións financiadas con fondos propios. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre