Inicio Galicia Xunta e Real Academia de Belas Artes únense nunha mostra na que...

Xunta e Real Academia de Belas Artes únense nunha mostra na que 12 dos nosos creadores máis destacados percorren o Camiño

0

Ata o 13 de setembro, poderanse contemplar 23 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas de autores de diferentes xeracións e estilos

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron hoxe na sede da RAGBA a mostra Facer Camiño. Trátase dunha exposición na que 12 dos máis destacados artistas galegos asocian a arte co Camiño de Santiago e que chega a cidade herculina logo da súa estadía en Vigo, onde foi visitada por máis de 3.000 persoas en pouco máis dun mes.

Durante a inauguración da mostra, Anxo M. Lorenzo salientou a capacidade de Facer camiño para asociar “a expresión plástica e visual de hoxe cun dos elementos esenciais na conformación da nosa identidade: o Camiño de Santiago” e a importancia dos académicos que participan nesta “peregrinación artística”. “Trátase dunha nómina extraordinaria de artistas de diferentes xeracións que abordan a arte desde diversos medios expresivos e estilos e que comparten dúas características: formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes e ser creadores recoñecidos e fortemente valorados”.

O representante da Consellería de Cultura e Turismo explicou que Coruña, sede da RAGBA, é a segunda e máis especial parada desta itinerancia que arrancou en Vigo e que nos próximos meses chegará tamén as cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Ferrol, así como as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo asociadas ao territorio histórico das Rutas Xacobeas.

Escolma do talento galegoAsí, ata o vindeiro 13 de setembro, poderase visitar na sede da institución académica a mostra comisariada por Asunta Rodríguez e que reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Concretamente expóñense 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.

Descentralización do Xacobeo 2021A mostra inaugurada este serán enmárcase no marco de colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Academia, referendado mediante a sinatura dun convenio de colaboración o pasado mes de xuño. Unha colaboración na que a Xunta de Galicia inviste preto de 100.000 euros e que durante este ano se centra. de xeito monográfico. en afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.

Anxo M. Lorenzo destacou que no actual escenario de incerteza é importante lograr que o Xacobeo 2021 sexa “máis descentralizado que nunca para que repercuta de xeito positivo en toda Galicia”, tamén na cidade da Coruña e no conxunto de concellos do Camiño Inglés. A maiores da mostra, tamén está previsto organizar coa RAGBA un ciclo de conferencias e debates relacionados co patrimonio e a cultura da nosa terra, que complete e complemente a itinerancia prevista de Facer Camiño. No caso da Coruña, a cita terá lugar o martes 8, ás 20,00 horas, e estará protagonizada por José Ramón Soraluce e Felipe Senen.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre