Inicio Galicia Xunta e Irmandade Xurídica Galega promoven a 'Declaración de Celanova' a prol...

Xunta e Irmandade Xurídica Galega promoven a 'Declaración de Celanova' a prol do galego na xustiza

0

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na conmemoración do 25º aniversario do uso da lingua galega no primeiro procedemento xudicial do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da vila ourensá


A Xunta de Galicia, a Irmandade Xurídica Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promoveron hoxe a Declaración de Celanova, á que se adscribiron 38 concellos ourensáns comprometéndose coa lingua galega diante dos órganos xurisdicionais, rexistros e notariais nun acto que acolleron o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da vila ourensá e o claustro do Mosteiro de San Salvador.

No acto celebrado hoxe nos xulgados de Celanova participou, en representación da Administración autonómica, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen recordou que “o ámbito da Xustiza é fundamental para acadar a plena normalización da lingua galega e que os xulgados que promovan o emprego idioma propio de Galicia serán sempre os máis próximos á cidadanía”.

Canda o secretario xeral tomaron parte no acto Xaquín Monteagudo e Xosé González, presidente e secretario da Irmandade Xurídica Galega, respectivamente; os avogados Alfonso Grande e Ana Mosquera, e Carme Vaquero, en representación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, así como avogados e funcionarios do partido xudicial de Celanova. O acto pechouse cunha actuación de María do Ceo.

Trinta e oito Concellos ourensáns a prol do uso do galego na XustizaDurante o acto, descubriuse unha placa conmemorativa e 38 alcaldes da provincia de Ourense asinaron a Declaración de Celanova, a prol do galego na xustiza. Nela comprométense a que “se utilice a lingua galega nos escritos que formen parte dos procedementos procesuais perante todos os órganos xurisdicionais da Administración de Xustiza”. Ademais, a declaración tamén recolle que os avogados que representen aos Concellos “utilizarán a lingua galega nas vistas orais celebradas nos xulgados nos que se substancien os procedementos procesuais, os cales farán constar nos escritos de recursos que o xulgado dite resolución e sentenzas en lingua galega”.

Nesta mesma liña, os Concellos involucrados demandarán das notarías o uso da lingua galega nos protocolos notariais promovidos pola Administración Local. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre