Inicio Galicia Xunta e Goberno rubrican os convenios que permitirán investir 18 millóns nas...

Xunta e Goberno rubrican os convenios que permitirán investir 18 millóns nas Áreas de Rehabilitación Integral de 35 concellos

0

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a Secretaria Xeral de Vivenda do Estado, Helena Beunza, e os alcaldes dos 35 concellos beneficiados pola convocatoria deste ano asinaron hoxe os acordos que permitirán intervir nun total de 54 ARIS das 69 declaradas en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a Secretaria Xeral de Vivenda do Ministerio de Fomento, Helena Beunza, asinaron esta mañá cos alcaldes de 35 concellos galegos os convenios de colaboración que permitirán investir un total de 18 millóns de euros na execución de diversas actuacións de rexeneración urbana en Áreas de Rehabilitación Integral (ARIS) declaradas nestes municipios.

Son en total 54 convenios que beneficiarán a outras tantas ARIS, un instrumento que se utiliza desde a súa creación para intervir sobre zonas que precisan rehabilitación co fin de garantir unhas vilas e cidades máis coidadas e humanizadas e que ofrezan mellores condicións de vida aos seus veciños.

De feito, os 18 millóns de euros comprometidos hoxe para estas 54 ARIS, cuxo financiamento será asumido por Xunta e Estado, súmanse aos preto de 20 millóns que aínda están en execución en virtude dos convenios asinados en anos anteriores. Isto significa, como sinalou Ángeles Vázquez, que a día de hoxe os concellos galegos con ARIS declaradas teñen á súa disposición 38 millóns de euros para investir na súa rehabilitación.

As áreas de rehabilitación integral son unha peza fundamental na política de vivenda deseñada pola Xunta. Así o demostran, como subliñou a conselleira, as 69 ARIS declaradas nestes momentos en 41 concellos de Galicia. A elas hai que sumar a Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago coa que se elevan a 128 o número de municipios galegos que contan, polo menos, cunha destas figuras.

Estas intervencións nas ARIS enmárcanse tamén na clara aposta da Xunta pola rehabilitación, un dos piares fundamentais sobre os que se asentan as súas políticas en materia de vivenda porque permite recuperar e mellorar o xa construído, xerar un número de postos de traballo sensiblemente superior á nova construción de vivendas e reduce a presión urbanizadora sobre a contorna.

Así, nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o vindeiro exercicio resérvanse preto de 36 millóns de euros para financiar actuacións directas e diferentes programas de axudas neste eido, e esta mesma semana, como lembrou Ángeles Vázquez, o Consello da Xunta deulle o visto bo ao anteproxecto da Lei de Rehabilitación de Galicia, que continuará agora a súa tramitación co obxectivo de remitila ao Parlamento neste período de sesións.

Actuacións en máis de 12.000 vivendasTras a sinatura conxunta hoxe dos 54 convenios cos correspondentes concellos, serán estes a partir de agora os encargados de realizar a convocatoria para que os propietarios de vivendas e edificios interesados en optar ás mesmas poidan solicitalas.

Deste xeito, grazas a estes 18 millóns sumaranse novas iniciativas e incrementarase o parque de vivendas nas que se ten actuado a través deste programa de axudas, que ascende a máis de 12.000 desde a creación das primeiras áreas integrais no ano 1996.

As actuacións en áreas de rehabilitación integral teñen por obxecto o financiamento da execución das seguintes actuacións:Execución conxunta de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares. Inclúense ademais as actuacións previstas para os programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

Execución de obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos.

A execución de obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción.

O custo do realoxo temporal de ocupantes da súa vivenda habitual, froito das actuacións que se realizan.

Información e xestión municipais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre