Inicio Galicia Xunta e Fiscalía avalían o funcionamento das Oficinas de Atención ás Vítimas...

Xunta e Fiscalía avalían o funcionamento das Oficinas de Atención ás Vítimas e das canles de comunicación dixitais

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta de Fiscalía


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta de Fiscalía. No encontro, abordaron o estado e funcionamento de distintas vías de colaboración abertas, como as Oficinas de Atención ás Vítimas ou a Fiscalía Dixital.

As Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV), dependentes dos decanatos e funcionando nas sete cidades, veñen de ser reforzadas recentemente coa incorporación de traballadores sociais, que se sumaron aos psicólogos e funcionarios da Administración de Xustiza que xa traballaban neste servizo. Na reunión de hoxe, estudáronse asuntos como as súas funcións e vantaxes. Esta é unha vía de diálogo aberta de forma permanente entre os axentes implicados no funcionamento destes recursos para ir acometendo, de ser necesario, as melloras necesarias para que as OAV acaden un rendemento óptimo.

Durante o encontro, Xunta e fiscais tamén abordaron outros temas de interese, como a implantación da Fiscalía Dixital, que promove a utilización das canles electrónicas na relación da fiscalía cos órganos xudiciais e incorpora, ademais, o uso da sinatura electrónica. Actualmente, o sistema está dispoñible en todas as provincias e fiscalías galegas, que o están habilitando de forma progresiva segundo ás súas necesidades organizativas.

A Xunta tamén vén colaborando activamente na mellora dos recursos á disposición da Administración de Xustiza, non só a nivel de modernización, senón tamén noutras áreas como o mobiliario ou o persoal de apoio, temas que foron tamén tratados no encontro.

Así, entre outros asuntos, abordouse o grao de execución no que vai de ano dos Plans de renovación do mobiliario e de instalación de armarios rodantes, que se prolongarán ata 2021 e que contarán cun investimento global de algo máis de 4,6 millóns de euros. Durante 2019 xa se teñen aportado novos mobles a distintas dependencias da Administración de Xustiza. Máis en concreto, no caso das fiscalías, realizáronse achegas ás dependencias da Coruña, Santiago e Lugo. Continuarase por Ferrol e Ourense e, no caso de Pontevedra e Vigo, estase á espera da posta en marcha dos novos edificios xudiciais en ambas cidades.

En canto á materia de persoal, a Xunta recordou a súa colaboración continua no marco das súas competencias. Neste sentido, cómpre destacar que recentemente se crearon 7 novas prazas nas fiscalías por consolidación de reforzos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre