Inicio Galicia Xunta e fabricantes de ladrillos e tellas analizan medidas para reactivar a...

Xunta e fabricantes de ladrillos e tellas analizan medidas para reactivar a construción tras o estado de alarma

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia cos responsables da asociación que aglutina a este sector en todo o país

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia con membros da Asociación Española de Fabricantes de Ladrillos e Tellas de Arxila Cocida (Hispalyt) para analizar o impacto que está a ter nestas empresas o estado de alarma derivado do COVID-19, así como as posibles medidas de impulso que contribuirían a estimular a súa actividade.

Neste sentido, os responsables de Hyspalit consideraron necesario deseñar e aprobar un plan de reactivación do sector industrial da construción en diferentes eidos, incluído o da vivenda. Ao respecto, Vázquez Mejuto coincidiu na importancia de que todas as administracións competentes axuden a sentar as bases para garantir a recuperación dun sector estratéxico como o construtivo e trasladoulles as principais medidas impulsadas nas últimas semanas desde o seu departamento co obxectivo de salvagadar empregos e dinamizar a actividade construtiva en Galicia.

Neste sentido, a conselleira referiuse tanto aos incentivos e condicións ventaxosas que ofrece a Xunta nestes momentos ás empresas para axudalas a sobrelevar economicamente a actual situación, como ás medidas destinadas a facilitar e incentivar o acceso a unha vivenda por parte das familias galegas.

En concreto, lembrou que desde o pasado mes de abril, tanto o Instituto Galego da Vivenda e Solo como Xestur decidiron aprazar o cobro das cotas das parcelas adxudicadas en dereito de superficie e aluguer, co obxectivo de aliviar economicamente ás empresas adxudicatarias; e hoxe mesmo o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) constituído pola Xunta para facer fronte ao COVID-19 aprobará novas medidas de flexibilizacion de pagamento e de cumprimento de obrigas para minorar o impacto da situación no sector industrial.

Así mesmo e no que respecta á dinamización do mercado da vivenda, Ángeles Vázquez lembrou que, tal e como adiantou xa a semana pasada no Parlamento, a Xunta outorgará unha axuda de ata 20.000 euros para a compra de vivenda protexida de nova construción por parte de familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM; e porá a disposición dos promotores en condicións especialmente favorables parcelas para nova construción ou edificacións para rehabilitar en conxuntos históricos destinadas a vivendas en alugueiro a prezos limitados.

Ademais, a conselleira considerou que outro dos fitos máis importantes neste proceso de reactivación no eido residencial impulsado pola Xunta, foi a decisión da Cecop o pasado 25 de abril de permitir que se continúe coas obras de rehabilitación en edificios ocupados, sempre e cando se adopten as medidas de prevención e protección da saúde establecidas. O obxectivo de todas estas iniciativas, incidiu, é favorecer a recuperación económica dun sector clave e ofrecer solucións a familias que requiren dunha vivenda a prezo vantaxoso.

Os representantes de Hispalyt, pola súa banda, consideraron a vivenda como unha parte moi importante para o proceso de reactivación das empresas vencelladas á construción e coincidiron coa conselleira na necesidade de que ese futuro plan debe incluír, entre outro tipo de actuacións, medidas que vaian na liña das que xa está adoptando a Xunta para estimular a demanda de vivenda nova ou rehabilitada, tanto a través do alugueiro como en réxime de compravenda.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre