Inicio Galicia Xunta e Deputación de Pontevedra crean a comisión para avaliar a xestión...

Xunta e Deputación de Pontevedra crean a comisión para avaliar a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na reunión para constituír esta comisión de estudo técnico-xurídica que se encargará de redactar a memoria sobre o cambio de modelo de xestión do servizo

O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Pontevedra, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, constituíu a comisión de estudo, da que forman parte representantes e persoal técnico de ambas institucións, para avanzar na implantación do modelo de xestión directa nos parques comarcais de bombeiros da provincia.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou por videoconferencia na reunión na que quedou constituída esta comisión de estudo encargada de elaborar unha memoria xustificativa que recolla os aspectos técnicos e xurídicos en canto á implantación da xestión directa nos parques de bombeiros de O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa.

A comisión estará integrada de forma paritaria por dous representantes da Xunta e dous da Deputación de Pontevedra, así como tres membros técnicos de cada unha das dúas administracións. Coa creación desta comisión avánzase no cambio de modelo acordado entre a Xunta e a Deputación para a xestión directa dos catro parques comarcais de bombeiros da provincia de Pontevedra.

O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense tamén acordou no seu pleno celebrado a semana pasada crear unha comisión similar para continuar cos trámites, ao igual que na provincia de Pontevedra, para a xestión directa dos seus catro parques de bombeiros comarcais.

Pola súa banda, os seis parques da provincia lucense funcionan cunha xestión directa desde maio do ano pasado e os dez que pertencen ao Consorcio da provincia da Coruña desde o 1 de xaneiro deste exercicio. Ambos consorcios aprobaron o cambio de modelo en 2019.

A Xunta estableceu unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais co obxectivo de ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade, de maneira que sexa igual para todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre