Inicio Galicia Xunta e Deputación de Ourense avanzan nos trámites da xestión directa dos...

Xunta e Deputación de Ourense avanzan nos trámites da xestión directa dos parques comarcais de bombeiros da provincia

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu hoxe ao Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Ourense, no que se acordaron os pasos previos á aprobación do novo modelo de xestión

O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Ourense, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, acordou hoxe avanzar nos trámites que avalen o cambio de sistema de xestión do servizo para implantar un modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia.

Desta forma, o Pleno do Consorcio acordou hoxe a constitución dunha comisión de estudo, na que participarán representantes institucionais e persoal técnico do Goberno galego e da Deputación Provincial, para elaborar unha memoria xustificativa sobre a viabilidade do cambio de modelo.

A este pleno acudiron hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o presidente do Consorcio Provincial Contra Incendios de Ourense, Pablo Pérez, que informaron ao seu remate do acordo.

A medida supón un paso previo cara ao cambio de modelo acordado entre a Xunta e a Deputación para a xestión directa dos parques de Xinzo de Limia, Valdeorras, Verín e O Carballiño-Ribeiro, que se integran no Consorcio. En 2016 a Xunta estableceu unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais. O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento de Lugo e o da Coruña xa aprobaron o cambio de modelo en 2019.

Os seis parques comarcais de bombeiros da provincia lucense funcionan cunha xestión directa desde maio do ano pasado e os dez que pertencen ao Consorcio da provincia da Coruña desde o 1 de xaneiro deste exercicio. O Consorcio da provincia de Ourense inicia os trámites, ao igual que o de Pontevedra.

Santiago Villanueva destacou a aposta da Xunta por unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade con independencia do lugar de residencia. Tamén sinalou a importancia de, unha vez constituída a comisión de estudo, avanzar e dar pasos que permitan que os cidadáns sigan contando cun servizo profesional, áxil e eficaz.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre