Inicio Galicia Xunta e Deputación apostan por un plan de sustentabilidade que destaque o...

Xunta e Deputación apostan por un plan de sustentabilidade que destaque o liderado de Ourense como destino termal

0

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente provincial, José Manuel Baltar, reuníronse para abordar os detalles deste proxecto

Ourense, 7 de agosto de 2020.- O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, apostan por desenvolver un Plan de Sustentabilidade que destaque o liderado da provincia como destino termal de referencia. Así o avanzaron tras manter un encontro para abordar os detalles desta iniciativa, formulada na última Conferencia Sectorial de Turismo, na que colaborarán a Xunta, o Goberno central e as entidades locais co obxectivo de reactivar o sector turístico da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial.

A Xunta comprometeuse a coordinar esta acción e remitirlle ao Ministerio as propostas formuladas polos destinos que opten a esta iniciativa, que se desenvolverá nun período de tres anos e contará cun orzamento de 3 millóns que achegarán o Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais beneficiarias. As entidades locais serán as encargadas de elaborar a proposta de actuación que posteriormente valorará a Secretaría de Estado de Turismo. Precisamente, o responsable de Cultura e Turismo repasou co presidente do entre provincial os requisitos que deberá reunir o futuro Plan de Sustentabilidade e os criterios que se valorarán para a súa elección.

Ambos coincidiron nas posibilidades que ofrece este plan para impulsar o desenvolvemento turístico da provincia e a recuperación a reactivación do tecido empresarial. Neste sentido, subliñaron que Ourense representa un modelo turístico que encadra coa filosofía desta acción, ao potenciar valores como a natureza, a paisaxe, a enogastronomía, ou o patrimonio, especialmente valorados no contexto da actual crise sanitaria. Do mesmo xeito, destacaron a importancia do termalismo, un aspecto no que este territorio está considerado un referente a nivel nacional e mesmo internacional.

Recuperación tras a crise sanitariaA iniciativa componse de dúas vertentes, unha centrada en destinos xa consolidados, caracterizados por recibir unha gran afluencia de xente e que busquen reorientar o seu modelo turístico cara outros máis intelixentes e sustentables, e outra vertente, na que se encadraría Ourense, focalizada en destinos rurais ou de interior que ten por obxectivo poñer en valor aspectos como o patrimonio cultural ou medioambiental ou crear novos produtos turísticos baseados nas súas particularidades.

Entre as actuacións que se financiarán no marco deste programa destaca a creación de novos produtos, a sinalización de recursos, actuacións de embelecemento de cascos históricos ou a aplicación de novas tecnoloxías para o seguimento da demanda turística.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre