Inicio Galicia Xunta e Cruz Vermella piden a implicación dos medios de comunicación para...

Xunta e Cruz Vermella piden a implicación dos medios de comunicación para evitar os estereotipos sobre as persoas sen fogar

0

Fabiola Garcia pediu a implicación dos profesionais da comunicación para transmitir á cidadanía unha imaxe apropiada, construtiva e digna das persoas que viven na rúa


A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia de que os medios de comunicación acheguen á sociedade a realidade das persoas sen fogar, sen caer en estereotipos e prexuízos no tratamento informativo destas situacións. Díxoo no acto de presentación dunha guía sobre senfogarismo para xornalistas elaborada pola Cruz Vermella, no que tamén participou a presidenta desta entidade en Galicia, Carmen Colmeiro.

Fabiola García pediu a implicación de xornais, radios e televisións para transmitir unha imaxe apropiada, construtiva e digna destas persoas. Con este manual a Xunta está a dar cumprimento ao Plan de Atención ás Persoas sen Fogar de Galicia 2019-2023, que ten entre os seus obxectivos específicos sensibilizar, formar e fomentar o coñecemento da cidadanía sobre as persoas sen fogar.

A conselleira lembrou que é a primeira vez que Galicia conta cun plan destas características, que xorde da colaboración cos concellos e as entidades sociais e que recolle máis dun centenar de medidas concretas en eidos como os da vivenda, a saúde ou o laboral. Unha batería de actuacións que ademais contan cun orzamento definido para levalas a cabo: 73 millóns de euros nos vindeiros cinco anos.

Ferramenta para os xornalistasA guía, que esta mañá se deu a coñecer, contén 16 páxinas con ilustracións de Miquel Fuster, que estivo en situación de rúa durante 15 anos. No seu contido diferéncianse dúas partes. A primeira presenta información sobre a realidade das persoas sen fogar en Galicia extraída do estudo sobre este colectivo que Xunta e Cruz Vermella presentaron o ano pasado. Na segunda parte, proporcionase aos xornalistas unha serie de recomendacións para que poidan abordar o senfogarismo sen caer en ideas preconcebidas ou discriminacións.

O manual propón, entre outras pautas, evitar o uso de cualificacións como indixente, mendigo ou vagabundo, que levan consigo unha connotación negativa; difundir historias en positivo; ou acudir fontes especializadas como técnicos en servizos sociais ou entidades para trasladar unha mensaxe axustada á realidade destas persoas.

Cómpre indicar que esta publicación é o resultado dunha xornada de debate celebrada en novembro do ano pasado na que representantes da Xunta, das entidades sociais e dos medios de comunicación compartiron as súas visións, necesidades e obxectivos sobre esta temática.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre