Inicio Galicia Xunta e Cruz Vermella abordan posibles vías de colaboración en materia de...

Xunta e Cruz Vermella abordan posibles vías de colaboración en materia de seguridade cando se rexistren incendios forestais

0

A entidade mantivo un encontro co conselleiro do Medio Rural para ofrecerse a colaborar contra os lumes forestais


Responsables de Cruz Vermella mantiveron esta mañá un encontro co conselleiro de Medio Rural, José González, co obxectivo de pór en marcha vías de colaboración na estratexia de prevención e defensa contra os incendios forestais. O titular de Medio Rural destacou a importancia de estreitar lazos con esta organización dada a destacada implantación territorial que ten en toda Galicia.

Na reunión, á que acudiron a presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, e o coordinador autonómico, Joaquín Varela, tamén asistiu o director de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto. Xuntos abordaron a mellor forma de colaboración co obxectivo de unir sinerxías, especialmente na tempada de alto risco.

En principio, a axuda podería ir orientada en dúas vertentes, por unha banda, a actuación do persoal de Cruz Vermella naqueles lumes nos que haxa risco para as persoas ou bens non forestais, como son as situacións 2, a través do establecemento dun protocolo entre ambas entidades. O obxectivo é garantir que os recursos e redes de Cruz Vermella estean debidamente coordinados co resto do persoal que conforma o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Doutra banda, esta organización podería desenvolver un labor importante á hora de informar á xente de que facer en caso de incendio. A intención é explicar aos seus voluntarios os protocolos de actuación e de seguridade pasiva para que os trasladen á poboación.

Así, o conselleiro mostrouse moi agradecido ante esta entidade polo seu interese nesta problemática e destacou que a coordinación e a implicación de todas as administracións é a liña de traballo que segue esta consellería contra os lumes forestais.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre