Inicio Galicia Xunta e Concello de Santiago acordan a composición do grupo de expertos...

Xunta e Concello de Santiago acordan a composición do grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo

0
image_gallery.jpg

O equipo estará formado por oito especialistas nos ámbitos da cultura, a arte e a xurisdición civil e penal e presidido polo profesor da USC Emilio Grandío


A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago veñen de acordar a composición do grupo de oito expertos que analizará as últimas evidencias en torno ás estatuas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo, e valorará liñas de acción conxuntas de cara a súa recuperación para o dominio público.

A equipo estará presidido polo profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Emilio Grandío Seoane. Como expertos do ámbito da xurisdición civil e penal estarán os letrados da Asesoría Xurídica da Xunta Isabel Novo Castro e Guillermo Folgueral Madrigal, o exdirector da Asesoría Xurídica do Concello de Santiago Xoaquín Enrique Monteagudo, o actual director, Manuel Cutrín, e o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto Lago. No eido cultural e artístico, participarán o director de Proxectos Culturais e Artísticos do Real Colexio Complutense de Harvard, Francisco Prado-Vilar, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Ademais destes expertos, integrarase tamén neste grupo unha representación da Avogacía do Estado. A función da Secretaría será exercida pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Esta composición acordouse tras un encontro entre o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, e o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, coa concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade de Santiago, Mercedes Rosón. Trátase dunha xuntanza que dá continuidade á mantida hai poucas datas entre o conselleiro Román Rodríguez e o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo.

A constitución deste grupo de traballo xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía a través dun labor serio e rigoroso grazas ao asesoramento destes especialistas xurídicos e históricos. O grupo de expertos constituirase oficialmente os vindeiros días, coa celebración da súa primeira reunión.

Ben de Interese CulturalAs estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela e declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta en 2019. Esta declaración conleva obrigas legais para os propietarios como o deber de conservación, acceso, comunicación, o dereito de tanteo e retracto así como o deber de habilitar un tempo de visita pública.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre