Inicio Galicia Xunta e Concello de Ferrol urxen un barco ponte e a construción...

Xunta e Concello de Ferrol urxen un barco ponte e a construción do dique seco para reactivar o naval

0
image_gallery.jpg

“Tanto o dique seco como un novo barco son fundamentais para que o emprego de Ferrol non se siga deteriorando. Non podemos esperar polas fragatas a 2022 ou 2023, necesitamos un barco que dea carga de traballo”, asevera Feijóo


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acordaron hoxe solicitar formalmente ao Ministerio de Defensa e á Sepi que se leve a cabo de xeito inmediato a construción do dique seco, así como un barco ponte que permita reactivar o naval, mentres non se pon en marcha a execución das fragatas F-110.“Tanto o dique seco como un novo barco son fundamentais para que Ferrol non se siga deteriorando desde o punto de vista do emprego. Non podemos esperar polas fragatas ata 2022 ou 2023, necesitamos un novo barco que dea carga de traballo”, aseverou Feijóo, subliñando que a situación social da comarca sería insostible.

Así mesmo, e en materia de infraestruturas, ambos coincidiron na importancia de mellorar o ferrocarril A Coruña-Ferrol, que precisa dun investimento aproximado de 150 millóns de euros “para non quedar descolgado da alta velocidade”.

Durante unha reunión mantida esta mañá, Feijóo reiterou o compromiso da Xunta coa comarca e o emprego, reflectido na posta en marcha dun Plan de formación específico para o naval galego, que permitirá chegar de novo á cifra de 5.000 traballadores formados e do que tamén se beneficiará Ferrolterra; e tamén visibilizado no apoio á transformación de Navantia nun estaleiro 4.0, con axudas á modernización e dixitalización que mobilizaron máis de 17 millóns.

No tocante ás infraestruturas sanitarias, recordou o inicio da remodelación do Hospital Arquitecto Marcide. “Xa acabamos a fase 0, dotada con 5 millóns de euros para trasladar ao Hospital Naval servizos que van ser desaloxados do Arquitecto Marcide durante a ampliación. E estamos xa na fase 1 para, cun investimento de algo máis de 50 millóns, levar a cabo: a ampliación do 25% da superficie hospitalaria; melloras nos servizos de urxencias, UCI, cardioloxía ou neonatoloxía; unha nova hospitalización; e unha nova central de instalacións do Complexo e os servizos administrativos”, precisou, destacando tamén a compra de nova tecnoloxía hospitalaria.“En definitiva, queremos construír practicamente un novo hospital e seguiremos con este proxecto, cuxo investimento total acada os 130 millóns de euros”, abundou.

No ámbito sociosanitario, o titular do Goberno galego e o alcalde abordaron a construción dunha nova residencia na cidade, dentro do plan da Xunta en colaboración coa Fundación Amancio Ortega. Se ben a Xunta segue pendente da ubicación facilitada por parte do Concello, Feijóo salientou que esta nova obra, que suporá un investimento de 12 millóns de euros, contará con 120 prazas e a creación de 110 empregos vinculados ao servizo.

Por outra banda, e no tocante ao Programa Rexurbe, o responsable do Executivo galego subliñou que esta iniciativa, dotada con máis de 8 millóns de euros, permitirá poñer a disposición da cidade 21 inmobles rehabilitados. E aproveitou a xuntanza para reiterar, en concreto, o compromiso de seguir coa rehabilitación do barrio de Ferrol Vello.

Finalmente, no eido cultural, garantiu o apoio da Xunta á Real Academia Galega e ao Concello para poñer en valor a figura do ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a quen se homenaxea este ano na edición máis atípica do Día das Letras Galegas. Ademais de liderar, “a petición do Concello”, a candidatura do Ferrol da Ilustración a Patrimonio da Humanidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre