Inicio Galicia Xunta e Concello de Cuntis analizan a situación das concentracións parcelarias de...

Xunta e Concello de Cuntis analizan a situación das concentracións parcelarias de Troáns I e II

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Dubois, recolleron as demandas do alcalde da localidade


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Dubois, mantiveron esta mañá unha reunión co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, co obxectivo de analizar a situación das parcelarias de Troáns I e II deste municipio.

O alcalde de Cuntis trasladou a ambos responsables autonómicos a súa preocupación pola afección da liña eléctrica no caso de Troáns I. Deste xeito, solicitou que a Xunta medie ante Red Eléctrica de España para que varíe unha torreta na zona de Tivo. Nesta área ademais, tamén mostrou o seu interese porque dende Infraestruturas Agrarias se estuden a execución de varios camiños que consideran esenciais para o desenvolvemento desta parcelaria.

En canto a Troáns II, o rexedor trasladou o seu interese porque se mellore unha pista de Vilabar de Abaixo que serviría coma variante entre Cuntis e Moraña.

Estas concentracións contan con 729 e 465 propietarios respectivamente (Troáns I e Troáns II), afectando a 354 e 147 hectáreas cada unha e cun número de parcelas que van das 5.280 en Troáns I ás 2.917 de Troáns II.

Tal e como explicou Miguel Dubois ao alcalde de Cuntis, no caso de Troáns II, que conta xa con acordo definitivo, é a que se atopa en estado máis avanzado, agárdase a toma de posesión para comezos do próximo ano. No caso de Troáns I, que se atopa xa en bases definitivas firmes dende primeiros deste mes, tamén se agarda levar a cabo a aprobación do acordo de Troáns I no primeiro trimestre de 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre