Inicio Galicia Xunta e Concello de Cabana de Bergantiños asinan un protocolo para delimitar...

Xunta e Concello de Cabana de Bergantiños asinan un protocolo para delimitar unha nova área industrial, tecnolóxica e comercial

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde José Muíño actuarán de forma coordinada para que a revisión do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia adecúe a súa programación de solo empresarial á realidade do concello e da súa contorna

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, asinaron esta mañá un protocolo de actuación conxunta co obxectivo de incluír na modificación prevista pola Xunta do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) a delimitación dun novo polígono industrial que dea servizo á comarca.

Concretamente, o protocolo ten por obxecto expresar a vontade do IGVS e do Concello de Cabana de Bergantiños para acadar o obxectivo común de que na tramitación da revisión do PSOAEG se tomen en consideración a proposta de actuación do concello de delimitación e ordenación da Área de alta capacidade industrial, tecnolóxica e comercial de Costa da Morte (ACITEC) así como a substitución por un promotor público do que figura no vixente plan sectorial.

Ambas partes coordinarán os seus servizos técnicos en materia de urbanismo para que realicen os traballos pertinentes e subministren a información, datos e documentos necesarios para acadar a eficacia no cumprimento do obxectivo fixado. Así mesmo, tamén se constituirá unha Comisión de Seguimento e Coordinación, presidida polo director do IGVS e da que tamén formarán parte dous vogais en representación do organismo autonómico e outros dous en nome do Concello.

Modificación do plan de 2014Cómpre lembrar que o PSOAEG foi aprobado polo Goberno galego no ano 2014 co fin de analizar a situación da oferta de solo existente e establecer os obxectivos para ordenar e desenvolver o solo urbanizado preciso para cubrir as necesidades estimadas no horizonte de 2024. Debido ao tempo transcorrido e aos propios cambios que se produciron no contexto socioeconómico e na demanda de parcelas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) considera convinte proceder a realizar unha modificación do plan sectorial para facer os axustes necesarios.

Debido a súa declaración de interese supramunicipal, este documento condiciona a planificación do solo empresarial nos distintos concellos da comunidade. Por iso, resulta moi importante para as entidades locais que a delimitación dos ámbitos que se recollen no PSOAEG se axusten ás necesidades reais de solo empresarial cunha marxe suficiente para albergar a futura demanda.

Precisamente por esta razón, o Concello de Cabana trasladoulle á Xunta o seu interese en contribuír á adecuación da programación incluída no plan sectorial á realidade empresarial do municipio e da contorna, achegando para elo as correspondentes propostas técnicas. Deste xeito e dacordo ao principio de colaboración entre administracións, o IGVS e o Concello de Cabana de Bergantiños acordaron formalizar o presente protocolo de actuación relativa á futura Área de alta capacidade industrial, tecnolóxica e comercial de Costa da Morte.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre