Inicio Galicia Xunta e Concello acordan cooperar na adquisición de inmobles para rehabilitar a...

Xunta e Concello acordan cooperar na adquisición de inmobles para rehabilitar a Área Rexurbe da Coruña

0

O director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo e o concelleiro de Urbanismo da Coruña mantiveron unha xuntanza para avanzar no establecemento da Área Rexurbe

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Villoslada, acordaron hoxe cooperar para adquirir inmobles na Área Rexurbe, co fin de rehabilitalos e facilitar vivendas na cidade herculina.

García Porto e Villoslada mantiveron unha xuntanza co obxectivo de avanzar no establecemento da área Rexurbe da Coruña, declarada polo Consello da Xunta no pasado mes de xuño, e que comprende a améndoa central da Cidade Vella e o eixo Orzán-Panadeiras.

Tal e como lle trasladou o director xeral é preciso unha maior e directa implicación do Concello na zona na que se fixo a oferta para adquisición pública de inmobles ao cargo do Programa Rexurbe, pois é a administración local a que debe esixir o cumprimento das obrigas, como conservar en bo estado as propiedades. O director do IGVS destacou que para atender as mesmas existen ademais axudas aos donos dos inmobles ao amparo da área de rehabilitación integral existente nese ámbito. Engadiu que, de non darse esta implicación, a oferta pública e o futuro desenvolvemento desta área quedaría condicionada.

Pola súa banda, o Concello de Coruña trasladou o seu compromiso de colaborar e de avanzar da man coa Xunta, asumindo o traballo de revisión dos posibles requirimentos e esixencias pendentes nos inmobles dese ámbito, con carácter previo a que a Xunta poda facer unha nova oferta de adquisición sobre os inmobles desta zona, facilitando así a rehabilitación dos mesmos xa sexa polos propios particulares ou mediante actuacións públicas.

Nese sentido, o director do IGVS reiterou a necesidade de establecer un marco de plena colaboración neste proxecto, sobre todo tendo en conta que a oferta pública de adquisición de inmobles -realizada este ano- no eixo Orzán-Panaderas, co obxectivo de adquirir inmobles para rehabilitar por importe dun millón de euros, pechouse coa ausencia de ofertas.

Coa adquisición de inmobles para rehabilitar nestes dous ámbitos do conxunto histórico da Coruña, a Xunta pretende poñer a primeira pedra da rehabilitación no ámbito da área Rexurbe, pero o desinterese dos propietarios atrasará o inicio das actuacións de rehabilitación.

O director do IGVS destacou que esta falta de ofertas choca cos resultados da oferta lanzada para a adquisición de inmobles en Mondoñedo e Ribadavia, onde se presentaron 14 e 4 ofertas, respectivamente, propostas que o IGVS está a analizar agora para adquirir os edificios que serían obxecto de rehabilitación.

Plan de dinamizaciónNo decurso da reunión tamén se abordou o plan de dinamización da Área Rexurbe, que debe redactar o Concello para sometelo á aprobación do Consello da Xunta e para o cal conta co modelo redactado polo IGVS en colaboración coa Universidade de Santiago e o Colexio de Arquitectos de Galicia.

A área Rexurbe da Coruña comprende dous ámbitos dentro do conxunto histórico, a améndoa central da Cidade Vella e o eixo Orzán-Panadeiras. A superficie total da área é de 0,08 quilómetros cadrados, existindo na mesma, segundo a memoria presentada polo concello, 519 edificios cun total de 2.188 vivendas. Dese total existen 73 edificios que se atopan en estado deficiente, malo ou ruinoso.

Polo tanto, o IGVS demanda a colaboración do concello co obxectivo de que a rehabilitación da zona comprendida no eixo Orzán-Panaderas se poida iniciar o antes posible co obxectivo de recuperar a zona e poñer as vivendas resultantes a disposición dos coruñeses.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre